Os humanos tiñan capacidade para innovar hai 300.000 anos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A innovación local e non a expansión da poboación provocou a aparición de novas tecnoloxías en Eurasia hai máis de 300.000 anos, segundo un estudo que publica a revista Science. Este resultado pon de manifesto a antigüidade da capacidade humana para a innovación.

A análise dos artefactos de pedra dun depósito de hai 325.000 anos en Armenia indica que a innovación tecnolóxica humana se produciu de forma intermitente en distintas partes do Vello Mundo, en lugar de dispersarse dende un único punto de orixe, como se pensaba anteriormente.

Investigadores da Universidade de Connecticut (EE UU) examinaron miles de artefactos de pedra recuperados en Nor Geghi 1, un xacemento armenio único ao estar conservado entre dous fluxos de lava, e datado hai entre 200.000 e 400.000 anos.

O estudo detallado dos sedimentos permitiu aos investigadores correlacionar as ferramentas de pedra cun período de tempo de entre 325.000 e 335.000 anos, momento no cal o clima da Terra era similar ao de hoxe.

Estes utensilios proporcionan a primeira evidencia clara de que houbo un uso simultáneo de dúas tecnoloxías distintas: a bifacial, comunmente asociada coa produción de machado de man durante o Paleolítico Inferior; e a tecnoloxía Levallois, que se relacionaba ata agora coa desaparición desta primeira hai uns 300.000 anos.

Os arqueólogos argumentaban que Levallois se estendeu por Eurasia coa expansión das poboacións humanas, en substitución das tecnoloxías bifaciais locais. Esta teoría establece un vínculo entre as poboacións e as tecnoloxías e, polo tanto, equipara o cambio tecnolóxico co cambio demográfico.

A coexistencia das dúas técnicas en Nor Geghi 1 demostra que isto non sucedeu así, senón que as poboacións locais desenvolveron tanto a tecnoloxía Levallois como a bifacial.

"A combinación de diferentes tecnoloxías nun só lugar suxírenos que, hai ao redor de 325.000 anos, a xente era innovadora", di Daniel Adler, profesor asociado de antropoloxía na Universidade de Connecticut, e autor principal do estudo.

Por outra banda, a análise química de varios centos de artefactos de rocha volcánica mostra que estes seres humanos utilizaron pedras de lugares que estaban a 120 quilómetros, o que fai pensar aos científicos que tamén deberon ser capaces de explotar territorios grandes e diversos.

En conxunto, os artefactos atopados en Nor Geghi 1 reflicten a flexibilidade tecnolóxica e a versatilidade dunha soa poboación durante un período de profundos cambios biolóxicos e de comportamento humano.

(Fonte: SINC)