Os expertos coinciden en que a innovación aberta é clave para que as empresas galegas sexan máis competitivas ante a crise

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A innovación aberta é clave para que as empresas galegas sexan máis competitivas ante a crise. Esta é a idea que todos os expertos reunidos o pasado 22 de febreiro en Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole defenderon ante os máis de 150 empresarios que chegaron das catro provincias para asistir ao encontro '5 sentidos para innovar'. Compartir para competir e colaborar para ser máis creativos foron dous dos consellos máis repetidos polos especialistas en innovación.

A innovación aberta implica que os procesos de innovación saian dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración con axentes externos (outras empresas, provedores, etc.). Tal e como explicaron os expertos, esta fórmula estase a promover como unha solución para gañar en competitividade, xa que permite compartir os custos da innovación entre empresas sen quitar que os resultados lles permitan competir entre elas. Co obxectivo de fomentar estas dinámicas, o encontro organizado por Tecnópole foi deseñado para permitir aos participantes, a través de estímulos sensoriais, interrelacionarse e compartir coñecementos e oportunidades para colaborar en proxectos innovadores.

O encontro forma parte do programa '5 Sentidos para Innovar', que comezou en 2012 cunha primeira fase limitada ás 90 empresas e centros de coñecemento instalados en Tecnópole e que, ante o éxito obtido, se abriu a entidades de toda Galicia. A orixinal formulación dos encontros que centran a iniciativa mereceu o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), que a apoia no marco do seu Programa de Fomento da Cultura Científica e da Innovación.

Emprendemento e innovación

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, expuxo que o sentido fundamental para a innovación é o oído, utilizando a escoita activa cos clientes para saber que necesitan. "A evolución de todo isto é compartir, practicar a innovación aberta. Se queredes facer innovación aberta, colaborar con outros, hai que pensar nas necesidades do outro, non nas propias", asegurou. Varela engadiu que a Axencia Galega de Innovación apoiará a quen innove, produza e venda dende Galicia en todos os chanzos da cadea de valor, dende o emprendemento innovador ata a grande empresa.

Pola súa parte, Esperanza Ibáñez, analista senior de Google, explicou o programa de apoio a emprendedores que a súa compañía ten en marcha, o Google Campus, un exemplo claro de innovación aberta. "O que nos permite reinventarnos cada día é o espírito emprendedor. A clave para que Google non se converta nunha compañía convencional é a innovación e no noso caso a formulación é aberta: queremos preto os emprendedores, aos que incentivamos para que nos inxecten novas ideas,", asegurou. Por outra banda, Ibáñez explicou que Google está concibida como unha comunidade aberta na que todos os empregados son motivados para que fagan suxestións e acheguen ideas con base na súa experiencia diaria, sexa cal sexa o seu posto na compañía. "Todos os empregados de Google dispoñen dun 20% do seu tempo de traballo na empresa para dedicalo a un proxecto novo no que cren. Google Maps ou Google Books saíron dese 20%", relatou.

Nesta mesma liña, Sanyu Karani, fundador da empresa de busca de financiamento Econet, sostivo que emprendemento e innovación van sempre da man. Segundo explicou, a innovación que de verdade achega valor xa non sae do departamento de I+D da empresa, senón da colaboración, de estar abertos ás ideas que veñen de fóra, sobre todo dos emprendedores, "que son os que teñen a frescura suficiente para buscar fórmulas novas". Ademais, dende a perspectiva do empresario con experiencia en vinte países de todo o mundo, afirmou que "Galicia ten potencial para ser el algún día mellor que Silicon Valley".

Pola súa banda, Santiago Vázquez, responsable de persoas de R, expuxo que as persoas que máis comparten no traballo son as máis felices. "Os empresaurios teñen medo a colaborar porque son desconfiados", asegurou, contrapoñendo a isto a idea de que a creatividade se xera nun ambiente de confianza.

Diferenzas competitivas

Á marxe dos relatorios, puxeron en marcha varias dinámicas novidosas asociadas ao proceso natural dos sentidos co obxectivo de favorecer o coñecemento mutuo entre as empresas participantes para poder identificar alianzas baseadas na innovación. Neste ámbito, os representantes de sete empresas de Tecnópole (Enyiris Thinking Lab, Ideit, Celcoauto, Geysa, Conexiona Telecom, Contactnova e Edisa) fixeron roldas rápidas de presentacións en seis minutos no espazo oído durante as que expuxeron as súas diferenzas competitivas explicando os seus proxectos máis innovadores e compartiron as súas demandas de colaboración para abrir o camiño da cooperación co resto das empresas de Galicia presentes no encontro. Isto completouse cun showroom no que as empresas de Tecnópole mostraron os seus produtos máis innovadores ao resto de participantes procedentes doutros puntos de Galicia.

A dinámica do evento toma como argumento de partida que é preciso agudizar os cinco sentidos para innovar de forma colaborativa, o que á súa vez dá lugar a un 'sexto sentido' orientado especificamente á innovación. Para logralo, habilitouse unha sala polivalente con recursos novidosos e distribuída en cinco espazos, cada un deles especificamente ambientado para estimular cada un dos sentidos e fomentar o coñecemento mutuo entre as empresas participantes.

(Fonte: Tecnópole)