Os alumnos das Aulas Tecnópole compiten na feira de tecnoloxía de Los Ángeles tras optimizar o seu proxecto

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Os alumnos das Aulas Tecnópole que resultaron gañadoras do premio especial da Exporecerca están xa en Los Ángeles defendendo o seu proxecto na Intel International Sciencie and Engineering Fair, unha das feiras máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario. Nas últimas semanas estiveron a perfeccionar o seu proxecto mediante melloras tecnolóxicas para ter máis posibilidades de éxito.

Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero, estudantes ourensás de 2º de Bacharelato, conquistaron o mes pasado o xurado do maior certame científico escolar de España, a Exporecerca, co seu sistema de detección de chuvia ácida en chans e plantas e os métodos para contrarrestar os seus efectos. O proxecto, que participara na última edición da Galiciencia, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e financiado pola Consellería de Economía e Industria.

O premio levounos á Feira Internacional de Ciencia e Tecnoloxía que a compañía Intel organiza esta semana en Los Ángeles. Alí, os alumnos das Aulas Tecnópole compiten con máis de 1700 estudantes de 70 países por premios que en total suman máis de 5 millóns de dólares.

Con este traballo os estudantes marcáronse como obxectivo comprobar de primeira man os efectos da chuvia ácida sobre as plantas e os chans, construír un sistema que permita detectala e verificar a efectividade dos metais de sacrificio como o magnesio para contrarrestar os seus efectos. Durante as últimas semanas estes tres novos científicos estiveron a perfeccionar o seu proxecto para ser máis competitivos. Tendo en conta que a feira estadounidense é un evento de marcado enfoque tecnolóxico, incorporaron ao seu sistema un dispositivo electrónico programado mediante un medidor de pH. O seu funcionamento permitirá que o usuario reciba unha alerta no seu móbil, tablet ou ordenador cando detecte na chuvia un pH inferior a 5, o que representa valores asociados á chuvia ácida. Isto permitirá tomar a decisión de aplicar o magnesio aos cultivos dende o momento en que hai risco de dano e non de xeito preventivo, o que suporá un mellor control dos custos asociados a este método.

Queila, Miguel e Jorge xa comprobaran que o magnesio ten un alto potencial para protexer os tecidos vexetais ante os efectos da chuvia ácida evitando a degradación das súas follas e talos. Tamén constataron que cando se aplica este metal sobre un substrato, nunha cantidade de 1 gramo por metro cadrado, evítase de forma eficaz a acidificación do chan e mellora a súa fertilidade. Os ensaios para chegar a estas conclusións foron realizados ao longo de todo o último ano.

Iniciativas de divulgación

As Aulas Tecnópole son unha iniciativa de impulso á divulgación científica do Parque Tecnolóxico de Galicia, coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, orientada a espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara á carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.

Os estudantes trasládanse unha tarde por semana ao Parque Tecnolóxico de Galicia, onde levan a cabo os seus proxectos en equipo e axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, reciben deles formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa.

(Fonte: Tecnópole)