Os alimentos personalizados, máis preto grazas á 'foodómica'

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realiza estudos pioneiros en 'foodómica', unha nova disciplina baseada en estudar os alimentos mediante técnicas masivas de análise xenómico como a transcriptómica, a proteómica e a metabolómica.

Os científicos, que definen este novo campo no último número da revista Analytical Chemistry, esperan, a curto prazo, afondar en como os alimentos repercuten na prevención ou a evolución das enfermidades. "A moi longo prazo estaremos capacitados para darlle a cada persoa unhas pautas sobre a alimentación que proporcione os maiores estándares de saúde e o menor risco de padecer determinadas enfermidades, é dicir, será posible a alimentación personalizada", explica o investigador do CSIC Alejandro Cifuentes, que dirixe o Laboratorio de Foodómica no Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación.

Segundo os seus impulsores, a foodómica permite abordar tamén aspectos esenciais dos alimentos como a súa seguridade, calidade e trazabilidade. A detección de novos contaminantes, a determinación de modificacións non esperadas en alimentos transxénicos e a definición de novos biomarcadores que confirmen a calidade dos alimentos son algunhas das aplicacións.

"Nestes momentos, o noso grupo de investigación está a estudar como os alimentos inciden na prevención ou evolución de enfermidades como o cancro de colon e o Alzheimer", destaca o investigador do CSIC. O obxectivo último da disciplina é mellorar a saúde e benestar dos consumidores aumentando o coñecemento sobre a seguridade, a calidade e a bioactividade, a nivel molecular, dos alimentos.

(Fonte: CSIC)