O xornal Cinco Días entrega os seus galardóns á innovación empresarial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O diario económico Cinco Días entregou os seus premios á innovación empresarial na súa edición 2011 a Danone, Matarromera e Ecopapel. "Nos tres anos transcorridos dende que se entregaron os primeiros premios, a economía sufriu un auténtico xiro. En 2008 recoñecíase ás empresas que innovaban para garantir o seu futuro, pero a innovación xa non é unha aposta, é esencial. Agora, o verdadeiramente arriscado é non innovar", destacou Cristina Garmendia, ministra de Ciencia e Innovación.
 
A ministra instou á necesidade dun cambio cultural para poñer a innovación ao servizo da economía e da sociedade. "Non baixemos a garda. Non podemos deixar de innovar. Temos que facelo todos os días", dixo.
 
Esta é a cuarta edición dos premios Cinco Días, patrocinados por La Caixa e Repsol, instaurados en 2008 para conmemorar o 30 aniversario do diario. Os premiados foron elixidos entre máis dun centenar de firmas candidatas.
 
A primeira empresa en recoller o seu premio foi Danone, na categoría de iniciativa empresarial máis innovadora en responsabilidade social corporativa. Javier Robles, presidente de Danone, agradeceu a creación deste premio "porque a innovación sempre foi parte do espírito da nosa casa". Esta empresa levou o recoñecemento pola Danone Nations Cup, un torneo internacional de fútbol alevín mixto que utiliza o deporte como linguaxe universal, na que participan 2,5 millóns de nenos de todo o mundo, 25.000 escolas e 20.000 clubs. Este evento, na súa duodécima edición, conta como padriño de honra co exfutbolista Zinédine Zidane.
 
Inmediatamente despois, Carlos Moro, presidente do grupo Matarromera, subiu ao estrado a recoller o seu premio e remarcou que para a empresa non é o final, senón un principio na súa aposta pola I+D. "Queremos dar un agradecemento especial porque unha pequena empresa, dende unha aldeíña da Ribeira do Duero, poida estar aquí participando neste evento que se enxalza a innovación". E destacou que no ámbito da I+D "non se pode implicar só un laboratorio senón todo o persoal da empresa".
 
Matarromera fíxose coa distinción ao proxecto empresarial máis innovador no campo das novas tecnoloxías polo seu viño sen alcohol Emina Zer0.0. Anteriormente a adega xa desenvolvera un viño con baixa graduación, o Emina Sin. Esta firma dedica o 30% da súa facturación á I+D, con proxectos como o desenvolvemento de produtos cosméticos.
 
Na categoría de acción empresarial máis innovadora ligada á universidade a triunfadora foi Ecopapel e o seu director xeral, Manuel Mora, foi quen recolleu a placa. Dirixíndose á ministra, Mora asegurou que Ecopapel conseguiu xuntar a iniciativa de "empresa, sociedade e universidade", un dos obxectivos de Garmendia á súa chegada ao ministerio en 2008. Ecopapel gañou polo seu proxecto de investigación conxunto coa Universidade de Córdoba para producir pasta de celulosa de forma industrial, usando como materia prima residuos agrícolas (palla de trigo).
 
Ata a data, estas distincións xa as lograron entidades como Indra, FCC, Fundación Telefónica, Emprendedores TV (de Fundación Banesto), BBVA, Panda Security e tres pequenas compañías na categoría de actividade ligada á universidade: Saft Baterías, Teams e Alquimia Solucións Ambientais.
 
Este ano, ademais dos galardoados de onte á noite, os lectores disporán, por primeira vez, da oportunidade de elixir o seu proxecto innovador favorito. Calquera lector pode acceder á web, www.cincodias.com ata o 1 de novembro e votar polo proxecto que considere mellor entre cinco finalistas: LGN Tech Design, Feve, Mutua Madrileña, Oritia & Boreas, unha spin-off da Universidade de Granada, e Acciona.
 
(Fonte: Cinco Días)