O TEDxGalicia abre o período de preinscricións para a súa edición 2012, que terá lugar en novembro en Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

O evento TEDxGalicia 2012 terá lugar o 30 de novembro no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense), que se converte en anfitrión deste impactante formato movido pola vontade de compartir coñecemento e inspiración con motivo do seu 20 aniversario. O período de preinscricións comezou o 18 de xuño, coa expectativa de cubrir as 150 prazas dispoñibles en cuestión de días, como aconteceu coas dúas edicións anteriores.

TED, que significa Tecnoloxía, Entretemento e Deseño, é un evento anual no que algúns dos pensadores e emprendedores máis importantes do mundo están invitados a compartir o que máis lles apaixona. O obxectivo para os asistentes é ter acceso a ideas que pagan a pena a través da experiencia doutras persoas que obtiveron éxito nalgunha faceta da súa vida.

O evento celebrouse por primeira vez en California en 1984 e nel participaron ao longo dos anos figuras como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck e Bono (U2).

Posteriormente naceu TEDx, un programa de conferencias locais organizadas de forma independente que permite a un número limitado de persoas gozar dunha experiencia similar ás conferencias TED. Dende 2010 celébrase en Galicia baixo o nome TEDxGalicia e este ano, por primeira vez, incluirá a celebración do TEDxKids, unha variante dirixida a nenos e nenas na que os relatores tamén son menores de idade e para a que a organización conseguiu a licenza recentemente, coa previsión de que se celebre tamén en Tecnópole dous días antes do evento para adultos.

Os conferenciantes do TED teñen que contar a súa historia do xeito máis atractivo posible e cunha limitación de tempo de 18 minutos. Na edición de 2011, celebrada en Santiago de Compostela, participaron persoas como o neurocientífico Xurxo Mariño, a emprendedora Marta Álvarez (promotora da Granxa Maruxa), o xornalista Manolo Gago e o socio de Blu:sens Miguel Silva.

O vídeo-resumo da edición 2011 está dispoñible en YouTube. Máis información http://www.tedxgalicia.com.

(Fonte: Tecnópole)