O sector tecnolóxico galego conta con 1700 empresas e factura 2200 millóns

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O número de empresas do sector TIC en Galicia en 2010 ascendeu 1767 empresas e o seu volume de negocio superou os 2200 millóns de euros. Estes son os datos que se recollen nas 'Enquisas sobre a Sociedade da Información nas empresas do sector TIC en Galicia 2010', que publicou o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (Osimga).
 
O estudo do Osimga, adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, tamén revela que no período 2009-2010 o sector TIC galego experimentou un crecemento do 14,6%, o que sitúa a Galicia como a sétima comunidade autónoma cun maior número de empresas no sector tecnolóxico.
 
O informe apunta que o 94,3% das compañías do sector son microempresas, mentres que o 5,7% son empresas de 10 ou máis traballadores. Segundo a actividade que desenvolven, a maioría realizan tarefas informáticas, o 49%, seguidas de comerciais, o 25,7%. As máis minoritarias son as de telecomunicacións, o 6,1%, e as manufectureiras, que representan o 4,9%.
 
O estudo do Osimga revela que dos 2200 millóns facturados polas empresas do sector un 87,7% corresponde a clientes galegos e un 9,8% ao resto de España. Segundo sinala a Secretaría Xeral de Modernización, "estes datos poñen de manifesto que en Galicia as empresas do sector teñen por diante o reto da internacionalización".
 
O estudo tamén recolle a opinión das compañías do sector. Un 51,3% das TIC galegas considera que o sector está nunha fase de consolidación ou expansión mentres que un 31,7% confía en que a tendencia de evolución futura do sector tecnolóxico nos próximos tres anos será expansiva, a escasa distancia das que consideran que será estable, o 30,4%.
 
O nivel de emprego no sector TIC situouse en 2010, segundo o informe do Osimga, nos 15.851 traballadores, o que representa o 1,57% do total da poboación ocupada de Galicia. Destes traballadores, un 23,5% son autónomos.
 
A crecente importancia do sector das TIC tamén se extrapola ao ámbito académico. No curso 2008-2009, segundo informa este estudo, tituláronse en Enxeñería Informática ou Telecomunicacións 687 persoas, o 7,2% dos titulados no Sistema Universitario de Galicia (SUG).
 
Dos máis de 2200 millóns de euros de volume de negocio de empresas TIC galegas no ano 2010, case o 90% se corresponde á súa vez con clientes galegos, o que pon de manifesto que o sector "ten por diante o reto de aumentar os índices de exportación".
 
(Fonte: La Opinión)