O satélite Humsat-D da Universidade de Vigo ultima o seu lanzamento ao espazo para o próximo mes de novembro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O novo satélite construído pola Universidade de Vigo, Humsat-D, está xa concluído e atópase realizando as últimas probas antes de ser integrado na súa plataforma de lanzamento e, finalmente, ser enviado ao espazo o próximo 13 de novembro desde Rusia.

Segundo explica o coordinador da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, actualmente estanse realizando simulacións TLYF (Test Like You Fly) nas que “se establece contacto unicamente a través do sistema de comunicacións e que serven para adestrar as operacións que se efectuarán en órbita”.

Tras estas probas, en setembro procederase á integración de Humsat-D no satélite Unisat que servirá como plataforma de lanzamento, un labor que se realizará en Roma para, posteriormente, ser trasladado a Yasni (Rusia) e estar listo para a data de lanzamento que se efectuará co foguete Dnper.

O proxecto Humsat, dentro do que se atopa o satélite Humsat-D, consiste nunha constelación de satélites, sensores e estacións de terra. O proxecto está coordinado pola institución académica viguesa e, a través del contarase cunha rede mundial de sensores de baixo custo “menos de 10 dólares” para monitorizar parámetros que permitirán estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como transmisións de información urxente en situacións de emerxencia.

Os satélites da constelación encargaranse de recoller a información que vaian recompilando os sensores, uns datos que logo se trasladarán a Internet a disposición do usuario final. O proxecto incluirá nove satélites construídos por universidades europeas e americanas.

(Fonte: Innovamás)