O proxecto Trend on me, gañador do StartUp Pirates 2014, desenvolverase na sala de coworking de Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O proxecto Trend on me, promovido por Nuria Iglesias (enxeñeira industrial), Ángela González (estudante de administración de empresas), Begoña Mera (deseñadora de moda) e José Barroso (enxeñeiro industrial), foi o gañador absoluto da edición ourensá do StartUp Pirates, polo que terá a oportunidade de ser desenvolvido durante os próximos tres meses e medio na sala de coworking de Tecnópole, entidade colaboradora do evento.

Segundo explicou Nuria Iglesias, o seu proxecto consiste nunha "plataforma tecnolóxica que proporciona aos deseñadores e tendas visibilidade nun espazo de referencia en internet cunha comunidade propia" onde os usuarios poden descubrir, compartir, comentar e comprar moda.

Na categoría de innovación social, a idea gañadora correspondeu ao Proxecto FX, desenvolvido por Ana González (educadora) e Alberto Álvarez (enxeñeiro técnico industrial), quen definiu esta iniciativa como "unha empresa social destinada a previr o desemprego xuvenil por medio de talleres de robótica educativa e as novas tecnoloxías". Trátase de traballar capacidades e habilidades sociais que fomenten a creatividade e innovación dos mozos.

María Regueira, da consultora de innovación social Contextos, organizadora da iniciativa, expresou, tras a entrega de galardóns, a súa satisfacción porque "foi unha semana intensa, na que os participantes desenvolveron un proxecto que, normalmente, levaría dous ou tres meses de traballo". En canto a cal foi a razón para elixir o gañador final, Regueira afirmou que "a posibilidade real de levar este produto ao mercado e que haxa un cliente que o pague".

Ademais de ceder gratuitamente espazo aos gañadores para desenvolver a súa idea, Tecnópole participou na fase de mentoring do programa e no xurado, todo iso no marco da súa política de apoio ao emprendemento innovador.

(Fonte: La Región e Tecnópole)