O programa formativo que CEAGA impartiu en Tecnópole gaña un prestixioso premio internacional á excelencia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e a súa Universidade Corporativa gañaron un dos cinco premios da prestixiosa organización European Foundation for Management Development (EFMD) polo programa formativo que impartiu un dos seus cursos completos en Tecnópole.

O proxecto premiado foi a organización e posta en marcha do programa “Xestión e Desenvolvemento de Novos Produtos”. Os aspectos valorados para a concesión do premio foron a capacidade do programa para xerar un forte cambio organizacional, unha excelente xestión e excelencia operativa. O galardón foi outorgado concretamente na categoría “Colaboracións e Network. Cambio de rumbo organizacional: Enfoque, aliñación e construción para o éxito”.

Segundo o xurado da EFMD, o programa premiado “representa unha excelente mostra dunha iniciativa de colaboración audaz e efectiva para fortalecer o sector da automoción de Galicia e a rexión nunha contorna altamente competitiva. Son especialmente destacables o crecente compromiso e a colaboración de organizacións moi heteroxéneas entre elas ao redor dun programa de desenvolvemento baseado na aprendizaxe en acción”.

Este programa é único en España, xa que está desenvolvido integramente polo sector da automoción de Galicia e logra vincular a formación académica á realidade que viven as empresas con aplicacións prácticas do coñecemento. Ademais, o profesorado está composto practicamente na súa totalidade por profesionais en activo do sector, polo que proporciona unha formación verdadeiramente práctica e de aplicación real.

No seu tres primeiras edicións, o programa xa formou a máis de cen técnicos de innovación, que realizaron 19 proxectos de innovación cooperativa. Este labor continuará o próximo mes de setembro, data na que arrinca a cuarta edición dunha iniciativa recoñecida desde agora mundialmente.

Nas restantes categorías dos premios EFMD 2013 resultaron galardoados os proxectos presentados por partenariados formados por empresas tan importantes como Danone e London Business School, Atos e HEC Paris, Danske Bank Sweden e Stockholm School of Economics IFL Education, EDF e Toulouse School of Economics.

As entidades gañadoras presentarán os seus proxectos e recollerán o premio do 9 ao 11 de outubro en Estocolmo, durante a conferencia executiva da EFMD. A EFMD é unha organización internacional con base en Bruxelas. É unha rede líder de escolas de negocios e empresas formada por 810 membros de 82 países. Os seus obxectivos fundamentais céntranse en elevar o nivel da formación e o desenvolvemento da xestión a nivel mundial. Actualmente é un dos puntos de referencia chave para a xestión da formación en todo o mundo e conta entre os seus socios con compañías tan recoñecidas no sector da automoción como Daimler, PSA Peugeot Citroën e Volkswagen.

Estreita colaboración

O programa galardoado impartiu a súa segunda edición nunha aula cedida por Tecnopole no seu Centro de Empresas e Innovación. En setembro comezará un novo curso, toda a información está dispoñible aquí.

Ademais, durante este ano as empresas de Tecnópole benefícianse das mesmas tarifas reducidas que os membros de CEAGA no acceso ás actividades formativas que organiza a entidade.

(Fonte: CEAGA e Tecnópole)