O plan de renovables prevé investimentos por 62.797 millóns ata 2020

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O novo Plan de Enerxías Renovables (PER) correspondente ao período 2011-2020 prevé mobilizar, en concepto de investimentos, 62.797 millóns durante a próxima década e levará consigo uns custos superiores aos 20.000 millóns, que na súa maioría irán destinados ás primas das enerxías renovables.
 
Segundo consta no borrador do plan 2011-2020, a principal partida investidora irá destinada ao sector eléctrico, cun total 55.742 millóns, mentres que a correspondente ás áreas térmicas e aos biocarburantes, contempla un desembolso de 6279 e de 775 millóns de euros, respectivamente.
 
Do total de custos do plan ata 2020, a maior parte, uns 19.000 millóns corresponden ao sector privado, mentres que o gasto da Administración estará próximo aos 1200 millóns.
 
Non obstante, Industria sinala que os beneficios superarán aos custos, xa que o plan permitirá aforrar 25.954 millóns de euros pola menor importación de gas natural (15.081 millóns) e gasóleo (6428 millóns) e a redución de consumo de carburantes e emisións de CO2 (3567 millóns).
 
Primas de renovables
 
Con respecto ás primas das renovables, o importe ascenderá progresivamente dende os 476 millóns que se estiman para este ano, ata superar os 1000 millóns nos próximos dous anos. Unha cifra que roldará os 2000 millóns entre 2014 e 2020, e que ascenderá no seu conxunto a 18.534 millóns.
 
Tendo en conta os obxectivos do Plan, as enerxías renovables contribuirán con case 18.000 millóns de euros ao PIB español ata 2020. Desta cantidade, uns 13.000 millóns corresponderán a achegas directas e 5000 millóns a indirectas.
 
O novo PER subliña ademais que certas tecnoloxías chegarán a ser competitivas entre 2011 e 2020 e non necesitarán, polo tanto, recibir primas. Entre elas, o texto inclúe a minihidráulica e a eólica terrestre, que o lograrán a partir de 2014, e a xeotérmica convencional e a biomasa a través de residuos, que o farán en torno a 2017.
 
Pola súa banda, destaca un segundo grupo de enerxías que empezarán a ser competitivas na década 2020-2030, entre as que se atopa a solar fotovoltaica e termosolar, a eólica mariñar, ou os residuos urbanos.
 
No referente á creación de emprego, o documento prevé que de cara a 2020, as enerxías renovables -que actualmente ocupan 70.000 persoas- empreguen aproximadamente 200.000 traballadores, o que supón un crecemento do 83% con respecto ao emprego rexistrado en 2010.
 
A maior demanda de postos de traballo rexistrarase nas tarefas de operación e mantemento, seguida da fabricación e a instalación, mentres que por sectores, o fotovoltaico, o solar térmico e o eólico xerarán a maior cantidade de empregos.
 
Outros dos obxectivos do PER inclúen dobrar a potencia instalada en enerxía solar fotovoltaica, multiplicar por sete a termoeléctrica, elevar un 68% a eólica terrestre e dar entrada á eólica mariña.
 
(Fonte: Cinco Días)