O Norte de África, un dos obxectivos comerciais de Egatel en 2011

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Egatel, empresa fabricante de transmisores de televisión analóxica e dixital, con sede en Tecnópole e integrada no negocio de Sistemas e Tecnoloxía de COMSA EMTE, consolidou a súa presenza no norte de África durante 2010 a través de diversos contratos en Tunes, Marrocos e Alxeria, converténdose este mercado nun obxectivo estratéxico para este ano.
 
A primeira incursión de Egatel no Norte de África tivo lugar en 2004 co desenvolvemento dun importante proxecto de reemisores de televisión analóxica para o operador público ONT de Tunes, aínda que foi nos últimos dous anos cando intensificou a súa actividade alí.
 
En Marrocos foi adxudicatario de diversos proxectos de televisión analóxica e dixital para o operador SNRT: a subministración e instalación de transmisores analóxicos de 1 kw en nove centros de difusión do país e a subministración de dez transmisores dixitais de 500 W cos seus elementos auxiliares e sistemas radiantes. Este último contrato, ademais, inclúe a formación correspondente e a posta en marcha dos devanditos equipos, que integran os últimos logros en I+D, dende a unidade de control modelo CCU9000 ata a precorrección dixital adaptativa incluída nos moduladores e o uso dos novos amplificadores de alta potencia de elevada eficiencia enerxética.
 
En Alxeria púxose en marcha un transmisor dixital de alta potencia (1,2 kw) para o operador público do país, TDA. O equipo instalado na capital, Alxer, completa a cobertura da área metropolitana, con máis de 4 millóns de habitantes. Ademais, está pendente da resolución dun contrato para despregar a televisión dixital no país.
 
Este incremento da actividade no Norte de África é un dos resultados da estratexia internacional de Egatel, enfocada a estender a súa experiencia en TDT nacional ao mercado exterior.
 
Participación en NAB 2011
 
Ademais, por décimo ano consecutivo Egatel estará presente na próxima edición da feira NAB, que ten lugar estes días nas Vegas (USA). Esta feira conta con máis de 90.000 profesionais de 150 países e máis de 1500 compañías expositoras. Egatel presentará no seu stand a súa nova gama de transmisores UHF de alta potencia con refrixeración líquida (serie TLE6800), así como os seus equipos de media potencia con precorrección dixital adaptativa entre os que destaca o TE9122.
 
Sobre Egatel
 
Egatel é unha empresa especializada e cualificada na investigación, desenvolvemento, fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar ou difundir sinais de televisión -tanto en formato analóxico como dixital- e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global.
 
(Fonte: Egatel)