O II Afterwork Emprega Talento reúne a máis de 150 mozos e directivos en Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O II Afterwork Emprega Talento, "Emprendemento, valores e liderado,", congregou este martes a máis de 150 mozos e directivos no Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole. Durante a xornada falouse dos valores do deporte na empresa e o emprendemento no sistema educativo e debateuse sobre que buscan as empresas nos mozos e viceversa. Esta iniciativa, impulsada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, coa colaboración de Tecnópole, ten por finalidade crear un espazo de networking e intercambio de talento entre mozos e directivos.
 
A actividade comezou cunha presentación a cargo de Santiago Sesto, director da Zona Noroeste de APD, e de Luisa Pena, directora de Tecnópole, e a continuación foi inaugurada polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.
 
O liderado, o traballo en equipo e a motivación no deporte e a empresa foron algúns dos temas que se abordaron no primeiro panel 'Os valores do deporte á hora de emprender', moderado por Juan Carlos Cubeiro, socio director de Ideo Business e autor do libro 'Os mosqueteiros de Guardiola'. O coloquio contou coa participación do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e con Paco Herrera, Vlado Gudelj e Borja Oubiña, adestrador, delegado e capitán do RC Celta de Vigo, respectivamente.
 
O segundo bloque, titulado 'Da aula á empresa. Aprender a emprender', abriu un debate sobre se é posible aprender a emprender, se existe talento emprendedor no noso sistema educativo e cales son os inimigos a vencer para construír un sistema educativo proemprendedor. Este espazo contou coa participación de Maite Cancelo, directora xeral de BIC Galicia, Enrique Gómez, responsable de proxectos emprendedores en educación do mesmo organismo, e Luisa Pena, directora de Tecnópole.
 
¿Que buscan as empresas? ¿Que buscan os mozos? ¿A que retos se enfrontarán os directivos do futuro? Estas foron algunhas das cuestións que se abordaron no terceiro panel, no que se analizaron aqueles coñecementos e habilidades máis valorados polos empregadores, así como os perfís máis demandados. A mesa redonda estivo moderada por María José Lama, responsable rexional de Selección de Adecco, e nela interviñeron Juan Carlos Bugallo, director xerente da Fundación Universidade da Coruña, Susana Casal, directora de Recursos Humanos do CTAG, e directivos de Tecnópole como Miryam Martínez, conselleira de Roberto Verino, José Antonio León, responsable de Recursos Humanos de Hispamoldes, e Jorge Vázquez, CEO de Redegal.
 
Networking
 
A sesión pechouse co Espazo Ágora, onde mozos e directivos puideron relacionarse de xeito informal. Nesta última parte da xornada os participantes tiveron ademais ocasión de visitar un espazo de asesoría a cargo de Adecco para aprender a buscar traballo onde se lles informou sobre como presentar un cv ou como realizar unha boa entrevista de traballo.
 
Emprega Talento é un proxecto de carácter experimental que nace da necesidade detectada por APD de encontrar un punto de encontro entre os mozos (os nosos futuros directivos) e os directivos que buscan novos talentos para as súas empresas. Neste contexto, a iniciativa pretende favorecer a creación de oportunidades e a empregabilidade a través do coñecemento, a formación en habilidades e as relacións.
 
Este proxecto, que deu comezo o ano pasado co I Afterwork en Santiago de Compostela, seguirá crecendo este ano con novos encontros, iniciativas e canles que favorezan o contacto e o intercambio de ideas e talento.
 
(Fonte: Tecnópole e APD)