O espectáculo de ciencia 'Maxia química' clausura a xira de actividades iniciada en febreiro por Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O espectáculo de ciencia 'Maxia química' clausura a xira de actividades iniciada en febreiro por Tecnópole para levar a máis de 8000 escolares de toda Galicia catro sesións diferentes de divulgación científica con temáticas variadas.

Esta actividade, promovida pola Consellería de Economía e Industria e organizada por Tecnópole e Fundación Barrié, será clausurada o próximo 1 de xuño no Parque Tecnolóxico de Galicia despois de viaxar a Lugo, Santiago, Ferrol e Vigo.

En total, serían preto de 60 representacións, con tres pases de cada un dos catro espectáculos en cada unha das cinco localidades nas que fixo parada cada mes.

Os participantes neste espectáculo están a ser testemuñas de como a química permite desfritir un ovo frito e asistiron asombrados a un experimento que converte a auga en viño e viceversa, un truco que en realidade se debe á fenolftaleína, un indicador de pH que en solucións ácidas permanece incoloro, pero en presenza doutras bases toma unha cor rosada ou violeta.

Os científicos logran desconcertar a todos xirando un vaso cheo de auga sen que caia unha gota. A continuación, explican que previamente engadiran unha pequena cantidade dun polímero hiperhidratable que ten a propiedade de absorber o líquido e formar unha xelatina que queda adherida ás paredes do vaso.

Tamén descobren o 'truco' de Uri Geller, un ilusionista que se fixo moi coñecido nos anos setenta do pasado século por dobrar culleres co que el aseguraba que era o poder da súa mente. Os asistentes poden ver o mesmo fenómeno durante o espectáculo, só que lles explican que as culleres de Uri Geller estaban feitas cunha aliaxe especial que reacciona perdendo a rixidez e recuperándoa ante estímulos de temperatura.

Ademais, entre outros experimentos, os científicos aplican lume a un papel directamente sostido coas súas mans e non se queiman, o que lles permite explicarlles aos rapaces e rapazas en que consiste a nitrocelulosa, material do que está feita a folla usada.

20 aniversario de Tecnópole

Os espectáculos de ciencia forman parte do programa de actividades conmemorativas do 20 aniversario de Tecnópole e enmárcanse na liña de actuación de desestacionalización das actividades de divulgación científica contemplada no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, que ten como obxectivo promover a celebración de actividades de divulgación á marxe da Semana da Ciencia.

No caso da Fundación Barrié, esta colaboración realízase no marco das actuacións de apoio á investigación, divulgación da ciencia e fomento de vocación científicas entre a xuventude galega, que impulsa a Fundación a través de educaBarrié, a súa iniciativa para achegarse á comunidade educativa, activa en centros escolares das catro provincias dende o pasado mes de outubro (www.educabarrie.org).

Os 'Espectáculos de ciencia', que en total contarán coa participación de máis de 8000 escolares, supoñen un reto importante para Tecnópole porque implican levar por primeira vez a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia. As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes.

O obxectivo desta experiencia é levar a ciencia do xeito máis didáctico e ameno aos máis novos. Ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos. Isto serve para espertar nos estudantes, que asisten acompañados polos seus profesores, a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.

(Fonte: Tecnópole)