O espectáculo de ciencia 'Forzas e enerxía' inicia a súa xira galega en Ourense coa asistencia de 350 escolares

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Un total de 350 estudantes participaron nas tres sesións celebradas a semana pasada en Tecnópole como inicio da xira do espectáculo de ciencia 'Forzas e enerxía', actividade programada para todo o mes de abril e que xa pasou tamén por Lugo e Santiago.

Este espectáculo, promovido pola Consellería de Economía e Industria e organizado por Tecnópole e Fundación Barrié, chegará ao longo das próximas semanas a máis de 2500 rapaces e rapazas en seis cidades galegas.

Os participantes puideron apreciar, mediante diversos experimentos, de que xeito as enerxías, que a simple vista non se perciben, están presentes na práctica totalidade dos fenómenos que rodean a nosa vida cotiá.

Para explicar a forza da fricción, entrelazáronse as follas de dous guías telefónicas que non puideron ser separadas a pesar do esforzo de catro voluntarios empurrando de cada unha. A continuación, mediante os dispositivos dos científicos que impartiron a sesión, como un bazooka de aire, unha polea e unhas bólas elásticas, se lles expuxeron fenómenos como as masas de aire e a forza multiplicada que xeran as pancas.

O principio do equilibrio térmico permitiulles experimentar aos asistentes coa aplicación directa de lume a un globo cheo de auga, que por efecto do arrefriamento desta non explota. E lume tamén conseguiron facer chocando simplemente dúas bólas metálicas, grazas á enerxía desprendida na colisión.

Ademais, os rapaces e rapazas viron sorprendidos como funcionaba á perfección un detector de mentiras elaborado con kétchup e baseado na presión dos fluídos.

Por último, os asistentes puideron comprobar por que os faquires poden deitarse nunha cama de cravos sen facerse dano, un fenómeno que parece sobrenatural pero que ten unha explicación científica.

Ata o mes de maio

No mes de maio celebrarase a última xira dos espectáculos de ciencia, iniciados en febreiro. O inicio terá lugar tamén en Ourense e tamén viaxará por toda Galicia, coa temática da maxia química.

A iniciativa, que forma parte do programa de actividades conmemorativas do 20 aniversario de Tecnópole, enmárcanse na liña de actuación de desestacionalización das actividades de divulgación científica considerada no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, que ten como obxectivo promover a celebración de actividades de divulgación á marxe da Semana da Ciencia.

No caso da Fundación Barrié, esta colaboración realízase no marco das actuacións de apoio á investigación, divulgación da ciencia e fomento de vocacións científicas entre a xuventude galega, que impulsa a Fundación a través de educaBarrié, a súa iniciativa para achegarse á comunidade educativa, activa en centros escolares das catro provincias dende o pasado mes de outubro (www.educabarrie.org).

Os 'Espectáculos de ciencia', que en total contarán coa participación de máis de 8000 escolares, supoñen un reto importante para Tecnópole porque implican levar por primeira vez a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia. As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes.

O obxectivo desta experiencia é levar a ciencia do xeito máis didáctico e ameno aos máis novos. Ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos. Isto serve para espertar nos rapaces e rapazas, que asisten acompañados polos seus profesores, a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.

20 aniversario

Os 'Espectáculos de ciencia' son unha actividade organizada e executada polo Parque Tecnolóxico de Galicia con base na súa dilatada experiencia en iniciativas de divulgación da ciencia e da tecnoloxía. Ademais de abrir as súas portas de xeito continuado a grupos escolares, dende hai seis anos organiza a feira científica máis importante de Galicia: a 'Galiciencia', que foi crecendo en prestixio ata converterse na súa última edición en actividade de referencia da Semana da Ciencia en España.

Estes espectáculos forman parte das actividades deseñadas especialmente para conmemorar o 20 aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, que se estenderán ao longo de todo o ano.

(Fonte: Tecnópole)