O comercio electrónico en España volve bater marcas pero frea a súa expansión

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O comercio electrónico en España segue batendo marcas malia a deterioración xeneralizada da actividade e a entrada da economía en recesión, aínda que tampouco é inmune á crise. Segundo informou a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), a facturación do sector entre abril e xuño ascendeu a 2.640,8 millóns de euros, co que alcanza un novo máximo grazas a que o acceso a Internet está cada vez máis xeneralizado e se superan os recelos a realizar compras online.
Non obstante, a debilidade do consumo, que caeu un 1% neste período, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, tamén pasou factura ao sector. Pola súa culpa, as compras realizadas a través da rede moderaron o seu ritmo de expansión con respecto ao inicio do ano. Así, fronte ao avance do 19% en taxa interanual co que arrancou o exercicio, o crecemento fréase ao 13,7%. Esta cifra representa a menor subida dende o terceiro trimestre de 2009, cando España tamén estaba en recesión.

Así mesmo, o informe da CMT revela que durante o segundo trimestre de 2012 se realizaron 36,7 millóns de transaccións, idéntica cifra que no trimestre anterior, o que supón un crecemento interanual do 17%. Seguindo cos datos menos positivos da estatística, a balanza comercial segue sendo negativa e neste trimestre o déficit alcanzou os 743,4 millóns de euros.

O montante económico xerado distribuíuse principalmente entre axencias de viaxes e operadores turísticos (13,8%) e o transporte aéreo (13,8%). Seguíronos na clasificación de ramas de actividade con maior volume de negocio a mercadotecnia directa (6,5%), o transporte terrestre de viaxeiros (4,8%), os xogos de azar e apostas (3,5%), os espectáculos artísticos, deportivos e recreativos (3,4%), a publicidade (3%) e as pezas de vestir (2,5%).

As operacións realizadas dende o exterior con España xa supoñen case un 15% do total, cunha facturación de 394,5 millóns de euros. O sector turístico (axencias de viaxes, operadores turísticos, transporte aéreo, hoteis, etc.) supuxo o 58,4% dos ingresos nas transaccións dende o exterior con España.

Por outra banda, a compravenda de bens e servizos a través de Internet dende España ao estranxeiro facturou 1.137,9 millóns de euros e supuxo un 43,1% do total. Mentres, o comercio online dentro de España tamén creceu e representou un 42%, alcanzando a cifra de 1.108,4 millóns de euros.

A CMT toma para contabilizar as transaccións realizadas mediante tarxeta de crédito. Pola contra, quedan excluídas as compras realizadas por transferencia bancaria, contra reembolso, ou outra vía de pagamento que non sexa tarxeta bancaria. Por exemplo, para medios de pagamento como PayPal só se computan só as operacións vinculadas a tarxeta de crédito e non as relacionadas cunha conta bancaria.

(Fonte: El País)