O colector de lixo creado por Formato Verde gaña un prestixioso premio internacional de deseño industrial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O grupo Formato Verde, con sede na Tecnópole, vén de ser galardoado co Adesign Award, un prestixioso premio internacional de deseño industrial, polo seu colector de lixo Big Bin. O contedor, fabricado integramente con pezas procedentes de empresas galegas, foi premiado na categoría de mobiliario urbano pola súa calidade técnica e por ofrecer unha solución construtiva non existente no mercado.
 
Aos Adesing Award presentáronse 5250 proxectos de 141 países, dos que 261 resultaron gañadores. Destes, 49 obtiveron un premio platinum –a máxima distinción–, que foi o que lle correspondeu ao Big Bin. Na selección participaron 30 xuíces, profesionais do deseño con recoñecemento a nivel internacional. Segundo os organizadores, o Adesign Award non é só un premio, senón un indicador de calidade e un certificado de excelencia.
 
A entrega de premios, celebrada recentemente en Italia, está organizada como unha exposición na que os gañadores teñen ocasión de que empresas e profesionais de todo o mundo vexan o seu traballo, polo que está considerada unha plataforma de negocio internacional.
 
O Big Bin foi desenvolvido por FrutoDS, empresa pontevedresa de deseño industrial participada polo grupo Formato Verde e que presta servizos a compañías de múltiples sectores. O coñecemento do sector dos residuos por parte do grupo foi o xerme deste novo produto.
 
O colector galardoado foi desenvolvido co apoio económico do Programa de Investimentos Innovadores do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) da Xunta de Galicia. Ademais, a peza sobre a que se estrutura todo o contedor (denominada cinto DSB) ten unha patente en proceso de solicitude.
 
Un colector con conciencia
 
O Big Bin preséntase como un colector que anima ao usuario a reciclar e todo o seu deseño xira arredor desta máxima. Lonxe de representar só unha mellora estética, destaca pola súa funcionalidade, que integra ademais elementos informativos para motivar os cidadáns a que desenvolvan unha conduta positiva cara ao pequeno esforzo extra que implica o vertido selectivo de residuos. Segundo a empresa, mentres que o 45% dos 547 quilos de lixo que verte cada persoa ao ano son produtos reciclables (vidro, envases e papel), actualmente só se recupera o 15%.
 
Entre as funcionalidades que incorpora o Big Bin nas súas diferentes modalidades segundo o tipo de lixo –orgánico, vidro, envases ou papel– atópase a posibilidade de incorporar unha placa en braille para os invidentes. Ademais, inclúe información sobre o tipo de residuo que se debe botar en cada colector, así como información relativa ao punto limpo máis próximo e números de teléfono para consultas.
 
Os materiais nos que está fabricado o colector (principalmente polietileno rotomoldeado e aceiro galvanizado) fan que sexa moi resistente aos golpes, aos cambios de temperatura e ao desgaste. Ademais, está deseñado para que a súa manipulación polos vehículos de descarga sexa moi silenciosa e máis rápida grazas ás maiores dimensións das tapas, o que evita as molestias para os veciños en plena madrugada. Tamén se reducen as tarefas de mantemento fronte aos colectores tradicionais e, grazas ás súas formas redondeadas, facilítase a limpeza e evítase a acumulación de residuos que, co paso do tempo e as altas temperaturas, favorecen os malos olores.
 
Por outra parte, o seu uso é máis cómodo por ter tapas moi lixeiras, con peche amortecido e máis baixas, o que garante a súa accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
 
Formato Verde

Formato Verde acumula unha experiencia de máis de dez anos en deseño industrial aplicado a solucións ambientais. O seu produto estrela, ademais do Big Bin, son as diferentes versións de colectores soterrados (Back, Clip, Side e Megabox) que xa instalou nas grandes cidades de Galicia e en numerosas localidades de España e Portugal.

(Fonte: Formato Verde e Tecnópole)