O coche do futuro non voará pero falará e conducirá só

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Nada de coches voadores nin teletransporte. Se se pregunta aos condutores europeos sobre como ven ou desexan o coche do futuro, é dicir, os vehículos de dentro de 25 anos, as respostas están moi afastadas da ciencia ficción. Practicidade e seguridade por riba de todo, segundo mostra a enquisa realizada pola plataforma online de vehículos Autoscout24 entre 9000 condutores de sete países europeos e cuxas conclusións recolle o informe O Coche do Mañá.

Para empezar, nove de cada dez españois apostan por un "vehículo intelixente" que garanta "seguridade en estrada" pero que tamén "transforme a experiencia ao volante", segundo desvelaron o director xeral do Grupo AutoScout24, Alberto Sanz, e o director xeral da filial española, Gerardo Cabañas. Por exemplo, "tres de cada catro españois quere que o coche do mañá conduza só", di o estudo. Ademais, o 62% desexaría que o automóbil dispoña de conexión wifi de alta velocidade.

Cabañas si puntualizou que aínda que o piloto automático "pronto terá un papel activo" na vida dos condutores, non todos están dispostos a renunciar ao pracer de conducir ou non se fían de deixarse en mans da tecnoloxía exclusivamente. De feito, o 44% dos automobilistas españois confía en poder decidir "cando si e cando non soltar o volante" en sintonía con outros países europeos.

Os españois, non obstante, valoran moito máis que no resto dos países todas as funcións relacionadas coa seguridade, fronte a cuestións como o deseño máis moderno. O 82% di que o coche do mañá deberá ter intelixencia artificial, recoñecendo situacións de risco e reaccionando en tempo real para corrixir condutas e reducir sinistralidade.

Ademais, en España dáse moita importancia ao feito de que o vehículo inclúa un sistema e-call. Esta tecnoloxía permitiría aos coches comunicarse cos servizos de emerxencia. Ademais, dúas terceiras partes dos condutores quererían que os automóbiles se comunicasen entre si de xeito directo ou con talleres, aseguradoras e autoridades ante calquera problema.

Respecto do fin dos combustibles fósiles na mobilidade, o 86% dos españois cren que un baixo custo de consumo por quilómetro é esencial, rebaixa que pasa necesariamente por introducir enerxías alternativas que reduzan a dependencia do cru. Pero estas tecnoloxías atópanse co obstáculo de que os usuarios esixen que esta nova mobilidade sexa cómoda, práctica e sen limitacións no día a día en cuestións de autonomía. Ademais, as opinións están moi divididas respecto a quen debe facer fronte ao custo das infraestruturas necesarias para as recargas, etc...

Esquecerse de aparcar

Se hai algunha función que os usuarios se imaxinan dun xeito máis futurista, é a parte do aparcamento. Os condutores non queren ter que aparcar e por iso, apostan polas técnicas de aparcamento automático. Mesmo algúns soñan cunha sorte de pregado automático para que o vehículo caiba en calquera oco.

O informe de AutoScout24 tamén se detén no deseño e a imaxe de coche. A totalidade dos españois (95%) aposta por que a forma dos coches deberá adaptarse ás novas motorizacións, privándose de deseños extravagantes que só gustan ao 39%.

(Fonte: Cinco Días)