O CERN lanza unha iniciativa de hardware aberto

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O organismo que opera o maior acelerador de partículas do mundo, o LHC, impulsa o intercambio de coñecementos no deseño electrónico aplicado a este tipo de máquinas. Con esta iniciativa preténdese mellorar a calidade do deseño de hardware en aceleradores mediante a revisión por pares promovida polo acceso libre á información.
 
Catro meses despois do lanzamento da primeira versión, a Organización Europea para a investigación Nuclear (CERN) acaba de publicar a versión 1.1 da Licenza de Hardware Aberto (OHL, polas súas siglas en inglés), un marco legal inspirado no software libre cuxo obxectivo é facilitar o intercambio de coñecementos entre a comunidade de deseño electrónico utilizado en aceleradores de partículas. Con esta iniciativa, en consonancia cos ideais da "ciencia aberta", o CERN espera mellorar a calidade dos deseños de hardware a través de revisión por pares e garantir aos usuarios, incluíndo empresas, a liberdade para estudalos, modificalos e fabricalos.
 
Baixo o espírito da difusión do coñecemento e a tecnoloxía, a iniciativa de hardware aberto do CERN foi creada para dirixir o uso, a copia, modificación e distribución de documentación sobre deseño de hardware, a produción e distribución de produtos. A documentación do deseño de hardware inclúe diagramas esquemáticos, deseños, circuítos ou deseños de placas de circuítos, debuxos mecánicos, diagramas de fluxo e textos descritivos, así como outro material explicativo.
 
A versión 1.0 da OHL do CERN foi publicada en marzo de 2011 no Repositorio de Hardware Aberto (OHR, polas súas siglas en inglés), creado por deseñadores de electrónica que traballan en laboratorios de física experimental que sentían a necesidade de permitir o intercambio de coñecementos a través dunha ampla comunidade e en consonancia cos ideais da "ciencia aberta" que promoven as organizacións como o CERN.
 
“Para nós, o impulso cara ao hardware aberto foi motivado en gran parte por unha ben intencionada envexa dos nosos colegas que desenvolven drivers para dispositivos que operan con Linux”, di Javier Serrano, enxeñeiro no Departamento de feixes de partículas do CERN e fundador da OHL. “Eles son parte dunha gran comunidade de deseñadores que comparten os seus coñecementos e tempo co fin de alcanzar o mellor sistema operativo posible. Pareceunos que non había ningunha razón intrínseca pola que o desenvolvemento de hardware debería ser diferente”.
 
A OHL do CERN proporciona un marco para o intercambio de coñecementos que concilia os principios de deseño aberto con trazabilidade xunto cunha política clara para a xestión da propiedade intelectual.
 
“O concepto de ‘hardware de código aberto’ ou ‘hardware aberto’ aínda non é tan coñecido ou estendido como o concepto de software libre ou de código aberto”, manifesta Myriam Ayass, asesora legal do Grupo de Transferencia do Coñecemento do CERN. “Con todo, comparte os mesmos principios: calquera debería ser capaz de ver o código fonte (a documentación de deseño no caso do hardware), estudalo, modificalo e compartilo”.
 
“A OHL do CERN é un logro emocionante, co potencial de ser a licenza principal para novos proxectos de hardware, como a GNU GPL foi para o software libre”, di Alessandro Rubini, desarrollador de software libre e coautor de ‘Controladores de dispositivo Linux’.
 
“A versión 1.1 integra os comentarios recibidos da comunidade co fin de seguir os principios xeralmente aceptados dos movementos libres e de código aberto”, continúa Ayass, “e pretende facer da OHL do CERN aínda máis facilmente utilizable por outras entidades”.
 
“Ao compartir deseños abertamente”, dixo Serrano, “o CERN espera mellorar a calidade dos deseños a través de revisión por pares e garantir aos seus usuarios, incluíndo empresas comerciais, a liberdade para estudalos, modificalos e fabricalos, dando lugar a un mellor hardware e menos duplicación de esforzos”.
 
“Os esforzos do CERN para construír un ecosistema de hardware aberto son sen dúbida un bo agoiro para unha maior liberdade no espazo dixital", asegura Carlo Piana, avogado especializado en iniciativas dixitais abertas e conselleiro xeral da Free Software Foundation Europa (FSFE).
 
O 9 de outubro de 2011, celebrarase en Grenoble (Francia) un taller sobre hardware aberto durante a 13ª Conferencia Internacional sobre Aceleradores e Grandes Sistemas de Control de Física Experimental.
 
(Fonte: SINC)