O Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes de Galicia comeza a funcionar no CTAG

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes de Galicia xa é unha realidade. O CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) inaugurou recentemente as novas instalacións para o seu departamento de Electrónica e ITS (Sistemas Intelixentes de Transporte, nas súas siglas en inglés), nas que se investiron 10 millóns de euros e que ocupan 130 profesionais multidisciplinares (na súa maioría enxeñeiros), segundo sinalou o presidente da entidade dende 2007, Antonio Santos (PSA Peugeot Citroën), no acto de presentación do edificio, ao que acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, outros responsables políticos e case un centenar de empresarios do sector.

O director do CTAG, Luis Moreno, explicou que a ampliación permitirá aumentar ata un 15% as vendas do centro (que pasarán dos 20 millóns actuais aos 23) e o seu equipo, composto por 350 persoas (ata as 400) a medio prazo.

O CTAG-II é un proxecto concibido a mediados da pasada década para dar resposta a unha necesidade da industria galega do automóbil: o desenvolvemento da electrónica, xa que máis do 80% dos avances que se realizan neste sector se producen neste campo. A iniciativa partía cun presuposto de 50 millóns e co obxectivo de que a unidade de excelencia en electrónica estivese lista xa en 2009, pero o estalido da crise e a complexidade do proceso para expropiar os terreos anexos ao CTAG en Porriño demoraron a súa posta en marcha ata finais do ano pasado e rebaixaron o investimento a 10 millóns de euros, achegados pola Xunta a través da Consellería de Economía e Industria con cargo aos fondos do antigo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Vehículos intelixentes

As novas instalacións reforzan a división para o deseño e desenvolvemento de sistemas intelixentes de axuda á condución, confort e seguridade, á fronte da cal está o investigador Francisco Sánchez. O edificio conta con sete laboratorios (ADAS, Conectividade, Compatibilidade Electromagnética, Electromobilidade, Volume e Forma, Tecnoloxías HMI e Realidade Aumentada, e Hardware in the Loop); unha sala de Desenvolvemento de Funcións e Sistemas; áreas de Deseño Electrónico e Fabricación de Prototipos Electrónicos; un estudo de Deseño e Novos Conceptos; un avanzado Simulador de Condución; pistas de probas de Sistemas Intelixentes de Transporte; prototipos de investigación; e un Corredor Intelixente de Comunicacións Cooperativas C2X Siscoga. A relación de laboratorios complétase co segundo circuíto de probas da industria do automóbil da comunidade (tras o do centro de PSA-Vigo), preparado para testar novos produtos, que ocupa uns 15.000 metros cadrados.

A unidade de excelencia en electrónica complementa o abano de servizos do CTAG, que ten máis de 250 clientes e xa factura fóra de España o 30% das súas vendas. Dentro da súa aposta pola internacionalización, o centro, que xa tiña delegacións en Alemaña e en Francia, acaba de abrir nova sucursal en Romanía, un dos polos industriais do motor máis puxantes de Europa do Leste. Os seus eixes fundamentais son a electrónica e o HMI (Human Machine Interface), os novos materiais e procesos industriais, a xestión do coñecemento e a innovación no ámbito tecnolóxico, a captación e consolidación de I+D+i no sector da automoción e a formación e capacitación tecnolóxica. Dende a súa fundación, en 2002, o CTAG acumula investimentos por valor de 40 millóns e máis dunha vintena de patentes.

Competitividade

Durante o acto, o presidente da Xunta puxo en valor ao CTAG e á automoción como punta de lanza da recuperación económica en Galicia. Feijóo sinalou que o CTAG-II permitirá ampliar "as vías de expansión, co compromiso de facer máis competitiva a industria do automóbil de Galicia, pelexando por consolidar o emprego no sector e permitindo que o I+D+i galego sexa cada vez máis recoñecido no mundo". Ademais de Feijóo e Conde, acudiron ao evento a presidenta do Parlamento galego, Piar Rojo, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, a delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, o alcalde de Porriño, Nelson Santos, director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, e outras personalidades do mundo da política. Do ámbito da empresa estiveron responsables de firmas como PSA, Viza, Snop e Marsan, entre outros, así como de Ceaga.

(Fonte: Faro de Vigo)