O Campus Party acollerá a presentación dun modem pensado para aplicar á idea do Internet das cousas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Telefónica I+D e Arduino presentarán no Campus Party un modem pensado para aplicar á idea do Internet das cousas. Trátase dun proxecto no que se traballa dende hai uns meses e que sairá ao mercado en outono.
 
O Internet das cousas é un concepto en constante avance. Trátase de que as máquinas ou os obxectos estean conectados e iso lles permita gañar intelixencia e conversar entre elas. Arduino é unha plataforma de electrónica baseada no principio do hardware libre, non propietario, que permite a súa programación para o fin desexado.
 
Javier Zorzano, de Tecnoloxías Emerxentes de Telefónica I+D, explicou que o prototipo que se presentará comparte a filosofía da comunidade Arduino de dar autonomía á creación por unha vía sinxela que non pida altas competencias informáticas. De feito, recorda Zorzano, Arduino naceu en escolas de deseño para que os estudantes puidesen crear robots.
 
O produto froito desta colaboración é un módulo de expansión de Arduino (shield) para permitir conexión GPRS/GSM. Inclúe antena cerámica integrada e sistema de alimentación. "As posibilidades de creación son infinitas dende o momento que fai posible que un obxecto dea información e colabore con outros obxectos". En Valencia mostrarase unha aplicación lúdica deste, case poética. "Trátase de dúas alfombras intelixentes despregadas en lugares distintos. Cando unha persoa pousa o pé nunha delas, a zona premida ilumínase na outra alfombra, de maneira que informa da situación onde se atopa o outro". No laboratorio de Telefónica I+D, durante o seu desenvolvemento fixeron probas de todo tipo. Por exemplo, un termómetro que dá a temperatura do día seguinte a base de analizar as previsións meteorolóxicas.
 
Non é ningunha rareza, o catálogo de cousas intelixentes que se crearon con Arduino é distinto. Como a maceta que pode tuitear se necesita ou lle sobra auga grazas á voltaxe que recibe a placa Arduino en función da súa humidade. De feito, Google mostrou o seu interese, en relación co sistema operativo para móbiles Android, de fomentar desenvolvementos en colaboración coa comunidade de Arduino.
 
O modem permite conectarse a Internet e comunicarse a través de SMS e a través de voz mediante GPRS/GSM. Este modem comercializarase globalmente por Arduino e apoiado por Telefónica, cunha SIM a un prezo aínda sen definir. Este deseño formará parte da colección de referencia de Arduino e contará coa mesma licenza que o resto das placas.
 
Para Zorzano, o máis suxestivo do proxecto é "ofrecer a multiplicación das posibilidades de crear obxectos novos e conectalos a Internet. Persoas con intereses moi distintos poden achegarse á electrónica de forma sinxela". En Valencia estará David Cuartielles, enxeñeiro español e un dos fundadores de Arduino que sempre sostivo a democratización do coñecemento, e que non é o crecemento e complexidade da tecnoloxía o que exclúe moitos de acceder a ela, senón a protección dos seus dereitos de uso. Na Campus Party, ademais, organizouse unha sesión de hacking colaborativo de 48 horas nas que se buscará a creación de novos dispositivos e servizos usando Arduino, a plataforma de hardware libre máis coñecida, baseada nunha placa cun microcontrolador e un ámbito de desenvolvemento, deseñada para facilitar o uso da electrónica.
 
(Fonte: El País)