¿O avance tecnolóxico está a destruír o emprego?

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Agora as máquinas e os ordenadores fan moito máis que traballo mecánico rutineiro. Vixían sistemas complexos, sintetizan datos, aprenden da experiencia e toman decisións precisas en segundos. As mensaxes móvense á velocidade da luz. Os mapas falan e guíannos. A compra chega á nosa porta. Os chans várrense sós. A automatización ofrécenos comodidades irresistibles.

Pero tamén pode adoptar o papel dun vilán. Cando as máquinas se encargan de traballo para o que antes facía falta suor e pericia, os humanos atrófianse ata converterse en meros pulsadores de botóns. Os lamentos sobre a automatización son constantes dende o principio, como nos recorda a lenda sobre John Henry, o obreiro encargado de colocar as vías de ferrocarril que faleceu competindo contra unha máquina de vapor que facía o seu mesmo traballo. O último lamento vén da man de Nicholas Carr en "The Glass Cage", a quen lle preocupan as implicacións que ten que máquinas e software vaian máis alá do ferrocarril e a cadea de montaxe para chegar á cabina de voo, o xulgado e mesmo o campo de batalla. Agora as máquinas e os ordenadores fan moito máis que traballo mecánico rutineiro. Vixían sistemas complexos, sintetizan datos, aprenden da experiencia e toman decisións precisas en segundos.

¿Que nos quedará a nós? Economistas e lexisladores debaten que implicacións terá a automatización para o emprego e a desigualdade, pero o libro de Carr non afonda neste aspecto. Fala en cambio sobre o que el teme que se depreciará se xa non temos que levar a cabo estas tarefas difíciles, xa sexa na casa ou no traballo: a nosa autonomía, a nosa sensación de logro, a nosa relación co mundo.

O punto forte da súa tese é a curva Yerkes-Dodson, que establece a relación entre o rendemento humano e canto nos estimulan as nosas tarefas. Demasiada estimulación prodúcenos ansiedade e sensación de sobrecarga, pero cando non estamos o suficientemente estimulados, cando o noso traballo é demasiado doado, éntrannos o letargo e a apatía. As actividades de estimulación moderada dan lugar ao maior rendemento e Carr defende que ademais nos converten en mellores persoas no proceso.

Carr, antigo editor executivo da revista Harvard Business Review e colaborador ocasional desta revista, escribiu varios libros que cuestionan crenzas comúns sobre a tecnoloxía, como o valor engadido da tecnoloxía da información para as empresas e os beneficios cognitivos de Google. Na "gaiola de cristal" canaliza as ansiedades do lugar de traballo moderno. Mesmo os traballadores máis cualificados senten que están a media xeración de quedar obsoletos por un algoritmo. Pero aquí Carr non analiza as consecuencias económicas da automatización para a forza de traballo en xeral. O libro empeza cun aviso emitido pola Administración Federal de Aviación de Estados Unidos aos pilotos de liñas aéreas para que non dependan demasiado do piloto automático. Narra dous accidentes e explica que a causa última foi falta de atención do piloto producida polos efectos adormecedores do piloto automático. Parece que imos asistir á exposición dun argumento utilitario contra a automatización: deberiamos deixar aos pilotos facer o seu traballo porque aos ordenadores lles falta o xuízo necesario para protexer as vidas humanas durante momentos de crise. Despois sabemos que o historial de seguridade dos avións Airbus e os Boeing, que están máis orientados ao piloto, é máis ou menos idéntico. O lamento principal de Carr refírese á textura da vida nun mundo automatizado, como nos afecta a nivel persoal.

Habilidades diferentes

Hai momentos nos que Carr parece defender unha postura nostálxica, o anhelo dun pasado que quizais sexa máis desexable en retrospectiva. Por exemplo o GPS. Para Carr, os sistemas de GPS son inferiores aos mapas porque fan que a navegación sexa demasiado sinxela, debilitan as nosas propias capacidades de navegación. O GPS "non está deseñado para que a nosa implicación co ámbito sexa máis profunda", escribe. O problema é que os mapas tampouco. Igual que o GPS, son ferramentas cuxa finalidade é levar ao seu usuario a un destino elixido o máis doadamente problema posible.

É certo que para usar mapas de papel fan falta unha serie de habilidades diferentes e calquera para quen a experiencia de parar, desdobrar e perderse lle pareza máis entretida ou menos castrante que a nova encarnación da orientación, o GPS, pode elixir apagalo ou usar as dúas tecnoloxías á vez.

Na zona

O relato clásico da vida no cénit da curva Yerkes-Dodson é Fluír: unha psicoloxía da felicidade, de Mihaly Csikszentmihalyi, publicada por primeira vez en 1990. Fluír é un concepto dunha imprecisión case poética, difícil de medir e aínda máis difícil de definir. Csikszentmihalyi achouno en todo tipo de persoas: atletas, artistas, músicos e artesáns. O que fai que o concepto de "fluír" sexa algo máis que un mero capricho persoal é que case calquera recoñece a sensación de "perderse" facendo unha tarefa que supón un desafío, ou a sensación de "estar na zona". Como concepto, fluír borra a fronteira que os economistas trazan entre o "traballo" e o ocio ou o recreo, e Carr quere que a automatización se deseñe para producir esa sensación. Idealmente tería unha calidade de termo medio perfecto, aforrando as partes tediosas da tarefa, pero sen chegar a facela de todo.

Carr pásase a maior parte da "gaiola de cristal" tratando a automatización coma se fose un problema de eleccións persoais mal informadas, suxerindo que a miúdo deberiamos optar por non usar tecnoloxías como o GPS en favor de alternativas manuais. Pero a decisión de adoptar moitas outras innovacións non sempre é tan voluntaria. Moitas veces teñen algo de sedutor e mesmo coercitivo. Tomemos unha tecnoloxía que o propio Carr analiza: Facebook, que busca automatizar a xestión das relacións humanas. Unha vez que a maioría aceptou o deseño aditivo do sitio e a súa leve utilidade, a un único individuo resúltalle moito máis difícil optar por non o usar. (Aínda que Facebook podería non parecer un exemplo de automatización, é traballo encuberto. Aos traballadores ou "usuarios", non se lles paga un salario e o produto, os datos persoais, non se venden nun mercado visible ou público, pero ten un eco residual da sala de máquinas. A expresión persoal e as relacións constitúen a materia prima; a actualización constante é a cadea de montaxe).

"Na gaiola de cristal" Carr flirtea cun cabreo real, pero non chega o suficientemente lonxe á hora de explorar un contraataque máis construtivo á automatización. A resistencia que defende é a resistencia dócil, individualizada, do consumidor, un fotógrafo que usa película, un arquitecto que fai planos sobre papel. Isto é pequenas opcións persoais con poucas consecuencias maiores. As frustracións diagnosticadas por Carr, o desexo dun mundo máis antigo ou un mundo distinto, ou de tecnoloxías que representen intencións máis humanísticas e menos explotadoras, son xeneralizadas. Pero para que estas alternativas resulten factibles, alguén ten que facer o difícil traballo de imaxinar como poderían ser.

(Fonte: Technology Reviews)