O aeródromo de Rozas será un centro nacional de investigación aeronáutica

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Goberno central abre o aeródromo de Rozas, no concello lucense de Castro de Rei, á investigación, experimentación, desenvolvemento de proxectos e divulgación no campo da aeronáutica a través dun convenio polo que cede estas instalacións ao Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (Inta), dependente do Ministerio de Defensa. 

Con esta iniciativa, o Executivo estatal, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Castro de Rei e o Real Aeroclub de Lugo cerraron unha alianza entre o sector público e privado que busca consolidar a actividade do aeródromo, poñendo as bases para garantir o seu futuro e evitando a venda das instalacións como outras bases aéreas tamén dependentes de Defensa.
 
As primeiras actividades empezarán no primeiro semestre deste ano, convertendo Rozas na segunda base que o Inta usará en España, xunto coa de Hermosilla, en Huelva. O director deste instituto, Jaime Denís, e o presidente do Aeroclub, Luis Abelleira, firmaron o pasado 8 de marzo dous convenios con Defensa. No primeiro abórdase a concesión das instalacións para investigación no campo dos usos militares, a través do Ministerio de Defensa, e nos civís, con Fomento. Así, o documento contempla a utilización das pistas, torre de control e edificacións civís -varios inmobles e hangares que ocupan 2000 metros cadrados- para os controis e probas.
 
O segundo acordo permitirá consolidar as actividades deportivas no aeródromo, regulando xuridicamente o uso da propiedade que fai o Aeroclub desde 1967. 
 
Os dous convenios teñen unha duración de dez anos, prorrogables ata o máximo que permita a lei, e con eles queda establecido que a actividade do Inta e a do Real Aeroclub manteranse de forma paralela, xa que son totalmente compatibles.
 
Financiamento europeo
 
A Deputación Provincial reunirase nos próximos días con responsables do Inta para estudar os próximos proxectos que se solicitarán a través de fondos europeos, que permitirán a reforma e adaptación dos edificios e instalacións do aeródromo de Rozas.
 
O Inta considera que o aeródromo lucense reúne as condicións idóneas para desenvolver campañas científicas no norte de España, así como a realización de estudos das cinsas do volcán islandés Eyjafjalla -que causou o caos aéreo en maio do 2010-. Para iso, o organismo dispón de dous avións instrumentados, con equipamento científico a bordo, e un motoveleiro.
 
Por outro lado, ten globos aerostáticos, non tripulados, adecuados para levar adiante traballos de experimentación científica. Este ente tamén considera que Rozas conta cunhas condicións «extraordinarias» para os denominados ensaios de compatibilidade electromagnética (EMC), que miden a sensibilidade de pezas ou aeronaves fronte ás interferencias.
 
Ademais, levaranse a cabo accións de divulgación no campo aeronáutico, dirixidas en especial aos estudantes coa finalidade de promover as vocacións científico-técnicas entre a mocidade. Nestas iniciativas educativas colaborará tamén a Fundación Aeronáutica e Astronáutica Española (FAAE).
 
O presidente do Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira, descartou por outro lado o uso das instalacións para voos comerciais. “Non se pode pensar en voos comerciais, non ten sentido, porque habería que pechar dous aeroportos dos tres que hai, aínda que si poderían ter cabida os privados”.
 
3,3 millóns de metros cadrados 
 
O recinto do aeródromo de Rozas, propiedade de Defensa, ten unha superficie de 3,3 millóns de metros cadrados e unha pista de despegue de 1190 metros. O Real Aeroclub de Lugo propiciou a súa conservación e mantemento nas últimas décadas, combinando o uso deportivo cun observatorio meteorolóxico que se estableceu no 2000, cun sistema de antenas do Ministerio de Industria desde 1985 e cos servizos contraincendios e outros propios de Fomento.
 
(Fonte: El Progreso)