O 82% dos asistentes a Biospain identificaron oportunidades reais de negocio

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A organización do 7º Encontro Internacional de Biotecnoloxía (BioSpain 2014), celebrado en Santiago de Compostela o pasado mes de setembro, asegura que o 82% dos asistentes identificaron oportunidades reais de negocio durante o evento.

Este evento bienal, organizado pola Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO) -e, nesta edición, tamén pola Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e o Concello de Santiago-reforzou nesta edición o seu carácter internacional: das 855 entidades privadas e públicas asistentas á feira 289 son de fóra de España, procedentes de 37 países, o que supón preto do 34% do total, fronte ao 28% de internacionalización que se alcanzou na pasada edición.

A pasada edición de Biospain, que coincidiu coa celebración do Ano da Biotecnoloxía en España e co XV aniversario de ASEBIO, contou con 200 expositores e coa presenza de 50 investidores -o 80% internacionais-, entre fondos de capital risco, fondos de investimento de grandes firmas, business angels, etc., que participaron no Foro de Inversión, onde se analizaron os plans de negocio de 40 empresas de varios países.

No partnering, alcanzáronse as 3327 reunións de negocio, o que supón un crecemento do 20% respecto á edición anterior, e rexistráronse 2000 asistentes en total ao evento (un 8% máis), o que consolida a Biospain 2014 no quinto evento mundial por reunións de desenvolvemento de negocio deste sector.

O Comité de Organización de Biospain realizou unha enquisa de satisfacción entre as persoas asistentas ao evento. Nos resultados destaca que o 55% dos enquisados afirma que Biospain cumpriu as súas expectativas e un 37% contestou que superou as súas expectativas. O 82% identificou oportunidades reais de negocio e, en canto á valoración xeral sobre o evento, o 54% afirmou é boa, o 19% afirmou que é moi boa e na media o 24%, o que supón un 97% de satisfacción dos asistentes.

(Fonte: Biospain)