O 75% das empresas españolas xa usa software libre nas súas operacións

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
España xa está entre os tres países europeos que máis adopción fixo do software libre, xunto a Alemaña e Francia. Un estudo do INE revela que o 75% das empresas españolas xa utiliza algún tipo de solución de código aberto. E entre as razóns que os levaron a iso están o aforro de custos e, sobre todo, a independencia dos provedores de tecnoloxía.
 
Faltaban medicións obxectivas e precisas, e aquí están. O Instituto Nacional de Estatística empezou a medir o grao de adopción do software libre por parte das empresas españolas. E o dato que bota a Enquisa de uso das TIC e comercio electrónico nas empresas 2010-2011 é que o 75% delas xa usa algunha tipoloxía de software de código aberto.
 
En concreto, o 63,4% utiliza navegadores de internet de software libre (tipo Firefox); o 53,4% aplicacións ofimáticas de código aberto; o 26,4% e o 20,6%, respectivamente, sistemas operativos e servidores web libres; o 15,5% aplicacións de código aberto do tipo ERP e CRM, e o 26,9% decantouse por outras de software de seguridade, servidores de correo ou plataformas de aprendizaxe.
 
"Son datos moi bos", di Miguel Jaque, director xerente do Cenatic, a fundación dependente do Ministerio de Industria que traballa en difundir o coñecemento e uso do software libre como alternativa "máis eficiente" aos sistemas propietarios. Jaque apunta que ata agora só se medira o emprego de sistemas operativos libres. E nese caso, para o que se pode facer comparativa, o uso de sistemas operativos de código aberto pasou do 9,4% en xaneiro de 2010 ao 26,4% en xaneiro de 2011. É dicir, creceu nun ano un 159%.
 
Jaque está convencido, ademais, de que o 25% de empresas que di non estar a utilizar software libre, o está a facer en moitos casos sen sabelo. "É difícil non o facer, porque o 70% dos servidores web de internet xa o utilizan, ao igual que a maioría de drivers de tarxetas ou sistemas de publicación das empresas. Tamén o levan os móbiles ou tabletas con Android, moitos TPV dos supermercados "... ".
 
Por sectores, e segundo o estudo do INE, o 91% das empresas TIC usa este tipo de software, o 76,6% no caso do sector servizos, o 73,5% no industrial e un 72,3% no da construción. "Máis do 94% do sector de sistemas encaixados para neveiras, televisores, teléfonos utiliza en España software libre segundo outro estudo de Cenatic", engade este experto, que destaca que a banca española é un dos sectores que máis software libre está a utilizar en España.
 
Tamén cita a Carrefour, un gran cliente deste tipo de solucións; Dia, que o usa nos seus TPV; NH, Cepsa, Repsol e Novacaixagalicia, que empezou mesmo a liberar código. Jaque apunta igualmente o nome de BBVA, que ten unha empresa especializa na prestación de servizos sobre software libre, Globalnet.
 
Aforro e independencia
 
Na súa opinión, as vantaxes desta alternativa tecnolóxica son basicamente dúas: o aforro de custos e a independencia que dá dos provedores tecnolóxicos. "A grande empresa é máis consciente das trabas que supón o software propietario. Saben da importancia de non depender dun provedor, que che di cando debes migrar os teus sistemas en función do seu plan de mercadotecnia". Jaque recorda que a banca española non empezou a pasarse ao software libre -cada vez máis utilizado en aplicacións de misión crítica- para escatimar en custos; fíxoo para non perder oportunidades de negocio. "Co software libre, temos unha ocasión única para aproveitar esta fonte de riqueza. China, India e Brasil estano a usar como unha vantaxe competitiva", subliña o director xerente do Cenatic.
 
Oportunidade de mercado
 
Todo este tirón no uso do software libre está a abrir unha grande oportunidade de negocio para empresas españolas. Por exemplo, Telefónica ten unha liña de negocio de desenvolvemento de produtos en software libre. Pero tamén hai moitas empresas pequenas, con solucións de éxito. É o caso de OpenBravo, Xindex, Xeridia, EyeOS ou Zentyal.
 
"O software libre está a ofrecer oportunidades ás pequenas empresas, que poden competir a igual nivel, xa que neste caso se compite no coñecemento e os desenvolvedores españois están moi ben considerados internacionalmente,", sinala Miguel Jaque.
 
Este aclara, ademais, que non só están a crecer as empresas puras de software libre, senón que grandes consultoras en España están a montar os seus departamentos específicos para impulsar as solucións de código aberto. É o caso de Deloitte, Accenture, Atos, Bull, IBM e Informática El Corte Inglés, entre outras. E, cando isto acontece, é que algo se move", sostén.
 
Jaque destaca o papel das empresas galegas de software "que se están a internacionalizar moi ben", o das estremeñas, andaluzas e catalás. Tamén fala do cluster creado en torno a este software por máis de 60 empresas asturianas para dar servizo á Administración local, aínda que tamén empezaron a ofrecer servizos fóra.
 
(Fonte: Cinco Días)