O 50,8% das empresas españolas incrementará o seu investimento en innovación nos próximos tres anos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O 50,8% das empresas españolas vai incrementar o seu investimento en innovación nos próximos tres anos e un 32,5% vaino manter. Estas son as principais conclusións da enquisa Innov@cción 2013, realizada por PeopleMatters, consultora especializada en Xestión de Persoas, e Ars et Inventio, unidade de negocio de Business Integration Partners especializada en proxectos de estratexia e xestión da innovación.

O obxectivo do estudo, presentado no Centro de Innovación de BBVA, é analizar a opinión de directivos, profesionais e expertos ligados ao mundo da Innovación respecto á importancia e grao de madureza co que as empresas españolas abordan o reto de innovar.

En xeral, o informe debuxa un panorama da innovación en España no que hai unha porcentaxe fixa de empresas, aproximadamente un 13%, que non confía na innovación como estratexia de futuro e a gran maioría, case un 50%, segue en proceso de definición e desenvolvemento da súa estratexia de innovación.

Aquelas compañías que xa iniciaran o proceso de implantación avanzaron nel significativamente. Tan só o 5,8% das compañías recoñece que reducirá de forma considerable o investimento nesta materia.

O 55% dos directivos considera que o nivel de innovación das súas compañías é adecuado e o 60% cre que se sitúa por enriba do que realiza a súa competencia directa. Só o 16% estima que a súa empresa suspende en innovación e a metade deles valora que as accións que realiza a súa compañía están claramente por debaixo dos seus competidores.

A maioría dos directivos coinciden en que innovar é absolutamente necesario (63,6%) e innovar debe ser unha prioridade da compañía. Para lograr o éxito consideran que é necesario incrementar o nivel de implicación dos empregados.

O estudo revela que durante estes últimos tres anos, o esforzo de innovación das compañías focalizouse principalmente na área de Tecnoloxía e Sistemas de información (investigación, desenvolvemento e adopción de novas tecnoloxías como factor catalizador da innovación), e nas áreas Comercial e de Mercadotecnia, co fin de ofrecer produtos e servizos e modelos de relación innovadores. De cara aos próximos tres anos, as iniciativas de innovación relacionadas coas áreas Comercial e de Mercadotecnia van ser a principal prioridade das compañías, desprazando a área de Tecnoloxía e Sistemas de información á segunda prioridade.

Dentro de Comercial e de Mercadotecnia a nova prioridade será mellorar a experiencia do cliente (Customer Experience Management) en lugar do desenvolvemento de novos produtos e servizos. "Xa non abonda con ofrecer un bo produto ou servizo, as compañías deben evolucionar para xerar vivencias e vínculos emocionais cos seus clientes que axuden a xerar experiencias positivas. Estas experiencias acontecen ao longo de todo o ciclo de vida de relación co cliente, e é responsabilidade de toda a compañía, existindo unha relación directa coa fidelización do cliente cara á marca", segundo afirma Fernando Izquierdo, responsable en España de Ars et Inventio. E engade que "é necesario abrir a participación dos propios clientes na definición e deseño da experiencia baseándose nunha estratexia de cocreación".

Os recursos humanos van xogar un papel clave nesta transformación. Coral González, directora de PeopleMatters, explica que "detectamos que nos próximos tres anos mellorar e optimizar a xestión do talento e a comunicación serán as novas prioridades nesta área: unha tendencia que vimos defendendo dende hai moito tempo e que resulta máis crucial aínda en tempos de crise onde os mellores empregados marcan a diferenza entre o éxito ou o fracaso de moitas compañías".

Pola súa banda, Ana María Llopis, fundadora e CEO de ideas4all, explica que "en innovación hai que aprender que menos pode ser máis". E dende ideas4all destacan precisamente como a súa experiencia co Innovation Agora, a versión para empresas da súa rede social de ideas, é a proba de que as ideas, nas organizacións, empresas e institucións, axudan a que aflore o mellor dos empregados e da cidadanía. "Todas as ideas levan en si mesmas o xerme dun gran proxecto", recalca Ana María, comprometida con que as empresas sexan conscientes do poder da innovación e poñan en valor o mellor do seu capital humano.

As dez claves

O estudo sinala dez claves para ser unha empresa innovadora:

1. A innovación debe considerarse un proceso estratéxico de negocio; a estratexia non é a innovación, pero a innovación é estratéxica.
2. Existencia dun liderado claro: Paixón por innovar; a innovación, ademais de xestionala, hai que liderala.
3. Fomento da creatividade e incentivación da xeración de ideas; a experiencia é a peor inimiga da innovación: hai que romper paradigmas.
4. Para innovar hai que mirar cara a fóra; hai que coñecer que está a acontecer a noso arredor (clientes, competidores, tecnoloxía...).
5. Dispoñer dun modelo para xestionar a innovación de forma eficiente; un proceso estruturado para que a innovación teña continuidade no tempo.
6. É preciso medir os progresos obtidos en innovación; só con datos se pode ter unha idea clara de onde se está.
7. Innovar pasa por motivar e implicar o equipo; innovar xa non é un labor exclusivo das áreas de innovación ou I+D.
8. Incentivación, recoñecemento e aproveitamento do talento; o proceso non garante a innovación, a clave está nas persoas.
9. Hai que poñer en valor o esforzo innovador; hai que vender a innovación dentro e fóra das compañías.
10. E como non..., hai que xestionar o cambio; a innovación é un proceso de cambio e como tal hai que xestionalo.

(Fonte: Innovamás)