Novos horizontes para a madeira galega

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

No corazón dos montes galegos medra un dos materiais máis prezados do mundo. A madeira pode converterse no equivalente patrio do petróleo. Porque este material é un dos máis interesantes para a industria. Das distintas árbores que conforman a flora galega pódense obter madeiras con características do máis dispar e que, por iso, poden ser destinados a satisfacer toda clase de necesidades que poidan xurdir na sociedade. Desde mobles, até embalaxes pasando mesmo polo sector da construción.

A madeira vai gañando adeptos co paso do tempo e aquí, en solo galego, temos a clave para facernos cun importante oco a nivel mundial nesta industria. Aquelas empresas da comunidade que dediquen a súa actividade a esta materia prima non estarán soas no seu camiño. Porque a Xunta de Galicia puxo en marcha un programa de axudas co que achegará o seu gran de area nun total de 175 proxectos nos que a madeira é a principal protagonista.

Esta convocatoria de axudas, enmarcada no Plan de reactivación económica, é completamente pioneira en Galicia. A Xunta investirá un total de 1,64 millóns de euros en apoios. Entre as iniciativas que impulsará destaca o uso da madeira local en máis de 100 edificacións. En concreto, este material servirá como elemento estrutural de 89 vivendas e 19 locais comerciais, o que permitirá mobilizar máis de 13 millóns de euros durante a súa execución. Tal e como explican desde a Administración galega, desta forma poderase beneficiar non só aos promotores e empresas que impulsan os proxectos, senón tamén aos profesionais -arquitectos, enxeñeiros, deseñadores e empresas de carpintaría- que os desenvolven.

Para impulsar ás firmas dedicadas á explotación e transformación da madeira, o programa da Xunta conta con catro liñas de axudas. Por un lado, para a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que utilizan produtos de madeira como elementos estruturais. Esta liña atenderá 19 solicitudes. A segunda pata sobre a que se asenta o programa colaborará con 17 proxectos que centren a súa actividade no desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con esta materia prima. Unha terceira liña apoia a redacción de 89 proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución das mesmas. E, por último, favorecerase a realización de 50 obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos feitos con madeira.

Estas axudas enmárcanse no Plan de reactivación económica da Xunta. O obxectivo, en concreto, é impulsar a transformación da economía e da industria da comunidade, potenciando así a Galicia máis verde e rural. Ademais, aseguran desde a Administración, están en liña coa Axenda da industria forestal 2019-2021, que pretende que os produtos forestais actúen como elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como elemento de orixe natural, reciclable e reutilizable.

Fonte: La Voz de Galicia