Novo método para formar materiais mineralizados capaces de rexenerar esmalte dental e óso

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Científicos do grupo Bioforge da Universidade de Valladolid (España), no marco do consorcio formado por investigadores desta institución académica e da Universidade Queen Mary de Londres, desenvolveron un novo método para formar materiais mineralizados con potencial para rexenerar tecidos duros como o esmalte dental e o óso.

O estudo foi publicado este mes na prestixiosa publicación científica Nature Communications e demostra que se poden crear este tipo de materiais cunha precisión e orde sen precedentes. Tales materiais teñen o aspecto do esmalte dentario e compórtanse no resto das súas propiedades como tal.

Segundo afirma o profesor da UVa José Carlos Rodríguez Cabello, director do grupo de investigación Bioforge, "o esmalte dentario, que se localiza na parte exterior dos dentes, é o tecido máis duro do corpo humano e permite que os nosos dentes manteñan a súa integridade durante a maior parte das nosas vidas, a pesar de estar sometidos a grandes esforzos mecánicos pola presión da mordida e de estar expostos a comidas e bebidas ácidas e temperaturas extremas. Esta funcionalidade tan sobresaínte é o resultado da súa estrutura microscópica, a cal presenta niveis moi elevados de organización e complexidade".

Non obstante, ao contrario que outros tecidos, o esmalte dental non pode rexenerarse espontaneamente despois da súa perda, o que leva consigo a situacións de sensibilidade dental e dor e, finalmente, á perda da peza dental.

O sistema desenvolvido neste consorcio baséase na creación dun material proteico especifico, un recombinamero tipo Elastina, que foi deseñado e producido polos investigadores da Universidade de Valladolid e pertencentes ao CIBER-BBN (Centro de Investigación Biomédica en Rede. Bioenxeñería, Biomateriais e nanomedicina).

Este material é capaz de provocar a xeración de nanocristais de apatita e guiar o seu crecemento ordenado a través de distintas escalas dimensionais, dende a atómica e nanométrica ata a milimétrica. "Trátase de materiais que imitan o esmalte dentario e que, tras a súa mineralización, se comportan de xeito similar a este", afirma J. Carlos Rodríguez Cabello.

A metade da poboación

Os problemas dentais afectan máis do 50% da poboación mundial, polo que a necesidade de descubrir procedementos que sexan capaces de rexenerar o esmalte dentario foi un importante obxectivo longamente perseguido pola odontoloxía.

O material xerado polo consorcio Universidade de Valladolid-Universidade Queen Mary de Londres podería ser usado nunha gran variedade de problemas dentais tanto na prevención como tratamento de pezas dentais xa afectadas pola perda do esmalte.

Ademais, dispoñer do control sobre este tipo de procesos de mineralización abre a posibilidade de crear materiais que imiten outros tecidos duros de interese médico, á parte do esmalte, como poden ser o óso e a dentina. Desta forma, os resultados deste traballo teñen o potencial de poder ser usados nunha gran variedade de aplicacións en medicina rexenerativa. Igualmente, este estudo tamén prové de importante información que permitirá comprender mellor o papel que certas desordes proteicas teñen sobre a fisioloxía e patoloxía humana.

(Fonte: Tendencias21)