A nova xeración de robots terá mans máis humanas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Hai 32 anos, cando os ordenadores solo estaban ao alcance duns poucos, un grupo de novos afanábase, nun ático londiniense, en construír un robot que puidese camiñar. O seu esforzo fíxose anacos cando a compañía Honda anunciou a creación do robot Asimo, o primeiro androide do mundo que andaba.

Lonxe de afundirse, os mozos decidiron reorientar o seu traballo cara a unha parte do corpo menos desexada polos enxeñeiros, pero moi complexa: as mans. Propuxéronse crear mans robóticas que imitasen á perfección as humanas.

Así naceu o que hoxe é a empresa Shadow Robot Company, que o pasado verán recibía o Premio AIconics 2019 na categoría de Premio ao Mellor Hardware de Intelixencia Artificial e tamén gañou o Queen's Awards for Enterprise 2019 na categoría de Innovación. Un dos seus avances máis recentes é a primeira man telerrobótica táctil do mundo.

Ademais de colaborar coas principais entidades e centros de investigación do mundo, como a NASA, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts ou Siemens, o equipo participa no Human Brain Project (HBP), o maior proxecto europeo sobre o cerebro humano.

"A neurociencia é algo novo para nós pero, nunha conferencia, un investigador que traballa na Universidade Técnica de Múnic (Alemaña) propúxonos integrar o noso modelo de simulación manual hábil na plataforma de simulación HBP-Neurorobotics Platform", explica a Sinc Radhika Gudipati, directora de desenvolvemento comercial da compañía.

"Cremos que isto permitirá aos investigadores en neurociencia e aos nosos clientes explorar paradigmas de aprendizaxe e modelos de control que proveñen da neurociencia, algo que ningunha outra plataforma de simulación pode ofrecer", engade Gudipati.

Esta plataforma serve para que os modelos de cerebro virtual se conecten cos dispositivos robóticos, como son as mans neste caso. Así, os investigadores poden analizar como estes dispositivos controlan o movemento, reaccionan a estímulos ou 'mesmo aprenden' nun ámbito virtual.

Sensibilidade ata a punta dos dedos

A man robótica conta con 129 sensores e 24 articulacións, con movementos moi similares aos humanos, incluídos os do polgar ou mesmo a flexión da palma para mover o dedo maimiño. Ademais, as puntas dos dedos son moi sensibles, o que aumenta o mimetismo coas mans auténticas.

"As mans robóticas sempre se usan na área das próteses pero, neste caso, a nosa expectativa é que o noso modelo de man robótica probada na plataforma sirva como unha oportunidade para que os investigadores en Intelixencia Artificial e neurociencia proben as súas técnicas en mans similares ás humanas", resume a experta.

A plataforma Neurorobotics é pública, accesible a través de internet e está dispoñible para todos os científicos que queiran probar os seus prototipos cerebrais ou construír os robots do futuro inspirados no cerebro. O obxectivo é que, grazas ás simulacións, os novos androides se deseñen de forma completamente diferente a como se facía ata agora.

(Fonte: SINC)