A nova tempada de almorzos tecnolóxicos comeza con recomendacións para a negociación no ámbito internacional

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Tecnópole reactiva o seu calendario de almorzos tecnolóxicos con novas citas mensuais a partir do próximo 21 de marzo. O convite está dirixido ás empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia e tamén ás do Polígono de San Cibrao das Viñas, co obxectivo de que intercambien coñecemento e oportunidades de negocio.

A primeira cita da tempada 2018 para tomar café con tecnoloxía en Tecnópole terá como tema central a comunicación e a negociación no ámbito internacional. A directora da empresa Expotrends, Pilar Blanco, compartirá cos asistentes unha serie de recomendacións para enfrontar axeitadamente a complexidade e a multiculturalidade asociadas á competitividade nos mercados exteriores.

O almorzo, que terá lugar o mércores 21 de marzo a partir das 9.30 no Edificio CEI, está aberto a inscrición gratuíta.

Este evento enmárcase no programa de actuacións de Tecnópole para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) no noroeste peninsular.

Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato, de participación reducida, non só persegue a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado, senón que se concibe como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos.

(Fonte: Tecnópole)