A nova mobilidade: Adeus ao coche particular

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A falta de sostibilidade do modelo de mobilidade urbana actual levou ás cidades a levar a cabo un cambio progresivo no que os coches eléctricos e os medios de transporte compartidos adquiren todo o protagonismo.

A finais do ano pasado, Seat presentaba no Smart City Expo World Congress de Barcelona o seu e-Scooter Concept, un prototipo de moto eléctrica. Xunto coa nova xeración do seu patinete eléctrico, Seat demostraba no congreso sobre cidades intelixentes a súa forte aposta por unha nova forma de mobilidade. E non é a única. Daimler, fabricante de Mercedes e Smart, e BMW traballan man a man para converter os seus servizos de mobilidade nun xigante capaz de competir con Uber ou Cabify, no caso de FreeNow, ou de ser líderes do carsharing cos seus coches compartidos Car2Go e DriveNow. Así mesmo, Ford ou Audi, entre outras, xa venden os seus propios patinetes eléctricos, e Peugeot volveu fabricar bicicletas, tal e como o facía no século XIX, pero esta vez, eléctricas.

As restricións de tráfico nas grandes cidades e a aparición de novas alternativas de mobilidade conduciron ao sector do transporte a unha nova era na que, segundo os gurús, o uso de coches particulares ten os días contados.

"A concentración de poboación en cidades segue aumentando e estímase que o 60% da nosa poboación vivirá en cidades para 2030. O modelo de mobilidade urbana actual non é sostible nin dende o punto de vista ambiental nin dende o punto de vista da calidade de vida e benestar que demanda a sociedade urbana actual. Así pois enfrontámonos tanto a retos ambientais e de saúde, como a retos de benestar e experiencia cidadá, pasando por outros relacionados como os retos de eficiencia enerxética, regulatorios, de inclusión social e mesmo éticos no uso das novas tecnoloxías. Os modelos de mobilidade nas cidades serán en definitiva unha peza clave no gran reto que todas teñen por diante, que é o do seu crecemento sostible," explica Paz López, directora de Madrid in Motion.

Barcelona, un referente

Segundo o informe Deloitte City Mobility Index, Barcelona é a sexta cidade con mellor mobilidade do mundo polo seu sistema tarifario integrado, unha excelente cobertura xeográfica da rede de transporte público e as políticas de creación de maior espazo para os peóns a través de iniciativas como as supermazás, restrinxindo o uso do coche en certas zonas.

Pola súa parte, segundo o ránking elaborado por Greenpeace, Bilbao supera a Barcelona como a cidade española con mellor mobilidade sostible "grazas a un modelo que coloca a mobilidade peonil no centro da vida urbana".

"Estamos ante unha nova industria en creación e en consecuencia inmatura, pero como estamos xa acostumados a ver a tecnoloxía e os cambios nos modelos de uso das persoas evolucionarán máis rápido que a regulación e as infraestruturas. Nese sentido vemos iniciativas interesantes en moitas cidades como Barcelona e Santander e un ecosistema de innovación en mobilidade en Madrid que vai camiño de converterse en referente internacional", engade Paz López.

Compartir, a alternativa á propiedade privada

Carsharing, motosharing, bikesharing... Compartir o transporte é unha fórmula que funciona dende hai uns anos nas grandes cidades, que permite utilizar coches, bicicletas, patinetes ou motos eléctricas mediante alugueres curtos nos que se paga por quilómetro percorrido. Se ben a finais de 2011 había case 700.000 usuarios de coches compartidos en Europa, para 2020 calcúlase que haberá ao redor de 15 millóns. Diversos estudos afirman que un só coche compartido pode substituír de 8 a 20 vehículos privados. Outra alternativa á propiedade privada é o uso dos VTC e taxis. O número de licenzas de vehículos de aluguer con condutor (VTC) superou as 16.000 a comezos do mes de outubro, o que supón un crecemento do 32% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Madrid está á cabeza con máis de 8200.

É o momento do coche eléctrico

Alemaña destronou hai unhas semanas a Holanda como país que máis coches eléctricos vende. Segundo Bloomberg, no que levamos de ano vendéronse no país xermano 57.533 vehículos eléctricos, mentres que Noruega vendeu 56.893. En España, as matriculacións de vehículos eléctricos alcanzaron un volume de 941 unidades en setembro deste ano, o que supón un incremento do 45,6% en comparación co mesmo mes de 2018, segundo datos da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac), pero só supoñen o 0,97% do mercado conxunto. Para 2020, o porfolio de vehículos eléctricos dos fabricantes seguirá aumentado, mesmo se espera que cheguen automóbiles a prezos máis axustados, como o Volkswagen ID.3, cuxa versión máis básica terá un prezo inferior aos 30.000 euros.

MaaS, a mobilidade como servizo

Os expertos consideran a mobilidade como servizo (MaaS, polas súas siglas en inglés) o futuro do transporte. En realidade, este termo fai referencia á intermodalidade, é dicir, a posibilidade de empregar distintos e sucesivos medios de transporte que sexan de doado acceso para o usuario e que lle permitan emprender unha viaxe coa menor das incomodidades posibles. Realizar a primeira parte do traxecto en patinete para logo coller un coche compartido ou subirse ao metro, todo xestionado mediante unha soa plataforma web ou aplicación. En España, ademais de aplicacións que buscan integrar varias formas de transporte, Cabify permite dende hai uns meses reservar taxis ou patinetes eléctricos na súa 'app' e Uber aluga tamén os seus patinetes. Noutras cidades, Uber tamén permite pagar o transporte público e as súas bicicletas dende a mesma plataforma.

(Fonte: Expansión)