Nova liña de axudas para consolidar e impulsar pemes do sector biotecnolóxico

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Consello da Xunta aprobou unha nova liña de axudas para consolidar pequenas e medianas empresas (pemes) do sector biotecnolóxico con menos de oito anos de antigüidade. Destinaranse a este fin até tres millóns de euros, procedentes dos fondos REACT-UE.

O programa Consolida Bio pretende fortalecer as pemes deste ámbito e axudalas a gañar tamaño a través da innovación. Para logralo, os apoios cubrirán tanto investimentos produtivos e tecnolóxicos como innovación en procesos e actividades para levar ao mercado solución baseadas na biotecnoloxía. As axudas, de concorrencia competitiva, pretenden así beneficiar a un total de 12 empresas, mobilizar nove millóns de euros (sumando tanto o investimento público como o privado) e crear 36 empregos de alta cualificación.

Os plans empresariais das pemes que opten a estas axudas deberán estar vencellados a algunha das ramas de actividade prioritarias da biotecnoloxía en Galicia e ás cadeas de valor definidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) da comunidade. Estas ramas son, en concreto, as de xestión e aproveitamento dos recursos mariños, produción e aproveitamento agrogandeiro e forestal, alimentación funcional para a saúde e o envellecemento activo, ou novas tecnoloxías para o medicamento personalizado. Deste xeito, trátase, segundo explican fontes da Xunta, de promover a revitalización de sectores tradicionais e favorecer a transición cara á bioeconomía.

Emprendemento tecnolóxico

Con esta nova medida, a Administración autonómica pretende impulsar a competitividade das pemes biotecnolóxicas, incrementar tanto a súa capacidade produtiva e comercializadora como a facturación global do sector, así como favorecer a cooperación no ecosistema biotecnolóxxico galego e facer da comunidade unha rexión con capacidade de atracción de emprendemento tecnolóxico.

Fonte: El Correo Gallego