O negocio dos drons dispárase en Galicia malia a limitación para voar

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Hai un par de anos, operar con drons en Galicia era unha actividade descoñecida e minoritaria. Pero os avións non tripulados, útiles tanto para un bombardeo como para unha reportaxe de voda, convertéronse en todo un negocio con grandes expectativas de crecemento. Hai demanda no mercado, e por iso non é de estrañar que a fabricación e a pilotaxe de drons sexa xa a actividade na que están a nacer máis empresas en toda Galicia.

O tirón da iniciativa público-privada representada polo CIAR (Centro de Investigación Aeroportada de Rozas) impulsado pola Xunta e os seus socios Indra e Babcock (Inaer) tivo un efecto inmediato na iniciativa emprendedora.

En apenas dous anos, este incipiente sector galego pasou de contar con 14 operadores (ano 2015) a sumar en agosto do 2017 un total de 165 empresas autorizadas por AESA, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea. Repártense así: 79, na Coruña; 53, en Pontevedra; 20, en Lugo e 13 en Ourense. Segundo datos da propia axencia, unha parte moi importante destas firmas foron creadas por autónomos. E aguantar o negocio non está a resultar doado, xa que, co actual marco legal, a actividade está limitada a labores de produción audiovisual ou cartografía. "Calquera outra misión está exposta a penalizacións e multas que poden superar os 220.000 euros", aclara a axencia.

Isto tradúcese en que, aínda que Galicia conta cun sector preparado para sacar partido ao negocio dos drons, actualmente a súa capacidade produtiva está limitada a un 20% do potencial.

Ceo aberto en outono

Os que consigan aguantar algo máis de tempo, ata que a nova regulación entre en vigor, teñen o ceo aberto. ¿E esperar canto? O Ministerio de Fomento di que xa falta moi pouco. Espera que este outono quede aprobado en Consello de Ministros o decreto polo que se regula a utilización civil das aeronaves a control remoto.

Esta lexislación, cuxo borrador se pode consultar na web de Fomento, regula actividades ata agora prohibidas para os drons, como voar sobre áreas urbanas, de noite, e mesmo coa plataforma fóra do alcance da vista, sempre logo de autorización por parte de AESA e para aeronaves de menos de 10 quilos.

A Asociación Española de Compañías Aéreas, que traballa no primeiro libro branco do sector avanza que coa nova lei se abrirán portas tamén a actividades de envío de paquetería e subministracións, e a aerotaxis autónomos que xa se están a probar.

"É fundamental que se establezan normas actualizadas, para asegurar a seguridade das operacións dos drons e do resto de usuarios do espazo aéreo", di a patronal.

Á espera da lei, os operadores galegos centran a súa actividade en misións relacionadas coa fotografía, a topografía e a filmación aérea (ocupan o 40% dos traballos desenvolvidos). A observación e a vixilancia levan o 13,28% do mercado profesional, seguidas das tarefas de investigación e desenvolvemento (11,57%), as de emerxencia e salvamento (10,11%) e as de investigación e recoñecemento instrumental (8%).

(Fonte: La Voz de Galicia)