Nanoimáns 3D para o ordenador do futuro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Dende finais dos anos 60 ata agora estivemos usando dispositivos electrónicos que almacenaron e transmitiron información en circuítos 2D. Agora dous investigadores españois da Universidade de Cambridge conseguiron romper esta barreira, creando nanoimáns capaces de transmitir información en tres dimensións. O avance podería supoñer un aumento na memoria, conectividade e potencia dos circuítos electrónicos.

A revolución da información que converteu a nosa sociedade no que é hoxe en día baseouse na impresión 2D de dispositivos cada vez máis pequenos e apertados. Coa tecnoloxía nos límites físicos da miniaturización, os investigadores comezan a explorar a terceira dimensión para aumentar a capacidade das memorias e procesadores.

Nun recente traballo publicado na revista ACS Nano, investigadores da Universidade de Cambridge (Reino Unido), xunto a colegas da Universidade Técnica de Eindhoven (Países Baixos), presentan unha demostración de como combinando as máis avanzadas técnicas de nanoimpresión en 3 D con técnicas tradicionais de procesamento de materiais é posible crear dispositivos funcionais en tres dimensións.

"Demostramos un novo xeito de fabricar e utilizar un dispositivo magnético que, a escala nanométrica, permite o movemento controlado de información en tres dimensións", destaca a Sinc o español Amalio Fernández-Pacheco, director deste proxecto de investigación no Laboratorio Cavendish de Cambridge.

Para crear estes nanodispositivos magnéticos 3D utilízase un microscopio de electróns e un inxector de gas, cos que se imprime unha plataforma suspendida sobre un substrato tradicional de silicio. Despois deposítase un material magnético sobre todo o sistema para poder transmitir os datos.

Combinando unha fabricación de alta precisión cun sistema láser desenvolvido expresamente para este proxecto, os investigadores foron capaces de demostrar que é posible detectar estruturas de tan só 300 nanómetros de grosor que se atopan practicamente suspendidas no aire.

"Tan importante como o salto en fabricación 3D que demostra este traballo é desenvolver un sistema para poder ver estruturas tan pequenas dun xeito sinxelo", sinala Dédalo Sanz-Hernández, outro dos investigadores españois do Laboratorio Cavendish e líder do traballo.

"A información do nanodispositivo pódese ler utilizando tan só un láser en configuración de campo escuro indicada para illar obxectos do fondo causado pola luz incidente", explica.

Avance en espintrónica

Este avance englóbase dentro da espintrónica, na cal se explota tanto a carga do electrón como o seu espín -o equivalente cuántico á rotación do electrón sobre si mesmo- e que permite desenvolver circuítos con maior eficiencia enerxética que as tecnoloxías actuais.

"Investigacións como esta abren as portas ao desenvolvemento dunha nova xeración de dispositivos magnéticos que poderán almacenar, transmitir e procesar información de xeito moi eficiente nas tres dimensións do espazo", conclúe Fernández-Pacheco.

(Fonte: SINC)