Nace unX, a primeira comunidade iberoamericana de emprendedores dixitais

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
UnX é o nome da primeira comunidade de ámbito iberoamericano creada para ofrecer aos emprendedores dixitais unha plataforma na que aprender e compartir os seus logros e experiencias.

Esta iniciativa púxose en marcha como proba piloto o pasado mes de outubro en España e agora salta o Atlántico para chegar a toda a rexión latinoamericana con contidos en español e portugués, segundo explicaron os responsables do proxecto no Mobile World Congress, en Barcelona (noroeste de España).

En unX, os seus membros poden intercambiar experiencias e coñecementos profesionais e, sobre todo, ter acceso, de forma totalmente gratuíta, a un "masivo" catálogo de cursos a través de Internet desenvolvidos por profesores de recoñecido prestixio.

A comunidade unX inicia o seu camiño internacional da man de destacadas empresas e institucións, como son a Universidade Nacional de Educación a distancia (UNED), Telefónica, Banco Santander, Universia, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) e a Fundación Centro Superior para o Ensino Virtual.

Os emprendedores que se incorporen a esta rede poderán elixir entre distintos cursos e contidos de vangarda que poderán seguir de forma flexible e colaborativa. "Iníciase unha época nova. Dáse un paso moi adiante en algo fundamental como é a formación e o emprendemento", asegurou o presidente de Telefónica, César Alierta.

Alierta destacou, ademais, que "a sociedade é cada vez máis dixital" e que esta plataforma ofrece "unha oportunidade fantástica" para formar a emprendedores e que estes adquiran máis coñecementos para poñer en marcha as súas empresas.

O presidente de Telefónica reiterou, así mesmo, o compromiso da compañía con Iberoamérica e coa formación dun colectivo clave para a economía como son os emprendedores. No mundo anglosaxón, propostas como Coursera, Udacity ou P2PU forman dende o pasado ano a miles de persoas de forma gratuíta e sen barreiras a través do ordenador.

UnX, que conta tamén co apoio da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, segue o ronsel destas iniciativas e aspira a converterse na comunidade de referencia en España e Latinoamérica, posicionando o español e o portugués como linguas punteiras no mundo da formación aberta a través de Internet.

Os impulsores do proxecto recordaron, neste sentido, que a comunidade iberoamericana representa o 9,2% da poboación mundial, con case 600 millóns de persoas. O primeiro curso de formación que ofrece unX está dirixido ao deseño de aplicacións para móbiles.

"Calquera persoa que se inscriba aprenderá a programar apps e comercializalas nos grandes mercados de forma sinxela", afirman os responsables de unX.

"Este é un expoñente claro dunha nova forma de aprender", apuntou o conselleiro delegado da rede de universidades Universia, Jaume Pagès. Para sumarse a esta comunidade, os interesados unicamente teñen que acceder e rexistrarse na web www.redunx.es.

(Fonte: EFE)