Nace SeedQuick, a primeira plataforma de crowdfunding española para empresas e emprendedores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A empresa fundadora da primeira plataforma de crowfunding en España, Lánzanos, anunciou o lanzamento de Seedquick, a primeira rede de crowdfunding para start-ups e emprendedores. O obxectivo da rede é "axudar a todas aquelas ideas que busquen financiamento a cambio de rendibilidade".

Así o asegurou o fundador e socio director de Lánzanos, Gregorio López Treviño. A diferenza de Lánzanos, unha plataforma cuxo sistema de recompensas está baseado en produtos físicos ou servizos (é dicir, o crowdfunding tradicional), Seedquick céntrase en proxectos que compensan aos seus investidores cunha rendibilidade económica.

"Na actualidade, emprendedores, desempregados ou pequenos empresarios teñen proxectos interesantes, pero non atopan financiamento nin axudas por parte da Administración", asegura López Treviño. "Se a iso lle engadimos que conseguir un traballo por conta allea é hoxe en día moi complicado, o panorama é desalentador".

"Os emprendedores con ideas innovadoras poden acudir a firmas de capital risco e outros foros de investimento, pero ¿e o emprendedor que simplemente quere abrir un comercio, unha cafetería ou unha pequena empresa de servizos? Hoxe por hoxe, vai ter moi complicado obter financiamento polas canles tradicionais".

O crowdfunding, que leva anos financiando proxectos culturais e solidarios, creceu e consolidouse en pouco tempo en España. Seedquick "abre unha nova vía" de financiamento colectivo para crear autoemprego e axudar aos emprendedores.

"Ningunha plataforma de crowdfunding formulara ata agora un retorno do investimento financeiramente interesante e xuridicamente viable, tanto para o emprendedor como para o investidor", afirma Gregorio López-Treviño, "e iso é o que ofrecemos dende SeedQuick". "Conceptos como altruísmo, mecenado ou recompensa, base do crowdfunding tradicional, deixan paso agora a un novo modelo que achega beneficios económicos".

O único requisito para utilizar a nova plataforma é que o emprendedor teña fixada a actividade en España. O procedemento é sinxelo: o emprendedor sobe o seu proxecto, explica de que se trata e que fondos necesita. Seedquick, xunto con outras entidades especializadas, encárgase de valoralo, de optimizalo e de poñelo en coñecemento da comunidade de investidores. A plataforma inclúe un sistema de votación para cualificar o proxecto, e só conseguindo un número mínimo de votos poderá pasar á fase de financiamento.

Superada esta primeira fase, o proxecto pasa á fase de obtención de fondos. Unha vez se chega ao 100% da cantidade requirida, Seedquick comunica ao emprendedor quen son os investidores que o apoiaron e facilitaralle o contrato polo cal ambas as dúas partes quedan formalmente vinculadas.

(Fonte: Europa Press)