A moda galega entrega 9.000 batas para persoal sanitario

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O deseñador italiano Giorgio Armani ou a firma Prada non dubidaron en reconverter a súa produción de deseños de luxo en plantas para crear batas médicas desbotables para o persoal sanitario italiano que se enfrontaba ao Covid-19. En Galicia, varias empresas dedicadas ao téxtil tomaron nota, e ademais de confeccionar máscaras, prepararon 9.000 batas para os hospitais. Roberto Verino, Selmark, Confecciones Hortensia e Carmen Vázquez entregarán ao Sergas a primeira quenda da produción. 

“O Sergas repartiraas entre os hospitais”, adianta Alberto Rocha, presidente de Cointega, a patronal do téxtil galego. A idea é seguir confeccionando “mentres haxa escaseza”, engade á vez que recalca que se trata dunha iniciativa “altruísta” na que cada firma colaborou de forma diferente pero todas unidas na loita contra o SARS-CoV-2. 

Nun primeiro momento, a idea era elaborar 12.000 batas desbotables pero “houbo tecido que non serviu ou que se estragou” durante a elaboración, explica Rocha. 

O proceso non foi tan sinxelo. Por moi boas intencións que se teñan, non abonda con ter a idea e coser. Rocha aclara que “tivemos que homologar o tecido” de maneira que se verifique que pode servir para protexer ao persoal sanitario do novo coronavirus. 

Precisamente, a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS) publicou a Orde SND/326/2020. Nela, establécense medidas especiais para outorgar licenzas excepcionais para a fabricación de máscaras e batas cirúrxicas. 

O deseñador Roberto Verino explica como xurdiu o proxecto de elaborar miles de batas para os sanitarios. A idea xurdiu “desde o primeiro momento, vendo a escaseza de material na rede sanitaria. Expuxen ao meu equipo directivo a necesidade de facer algo en colaboración con outras empresas do sector e Cointega. Nós entregamos 30.000 metros de tea e o noso equipo de patronistas creou o patrón. A idea era pór a traballar ao tecido industrial galego para axudar nesta situación e pór en relevo a necesidade de ter un sector saudable, forte e reactivo”. 

Preguntado sobre a facilidade de coordinar a distintas firmas, Verino indicou que “en absoluto” foi difícil. “Grazas á interlocución de Cointega facilitando a transparencia e comunicación entre as empresas tívose unha resposta practicamente inmediata. Traballar con eles foi unha proba máis da capacidade e profesionalidade da industria téxtil española e galega neste caso”. 

O deseñador galego lembrou que “o proxecto iniciouse o venres 20 de marzo. Desde Roberto Verino empezamos a movernos. O luns 23 o Hospital de Santiago recibía a nosa mostra de tecido para a súa valoración e facilitábannos unha bata para sacar o patrón, pero primeiro tiñamos que asegurarnos de que os tecidos cumprían coas normativas establecidas. Iso demorounos uns días máis, pero esta semana chegará a primeira entrega de batas. Os equipos de confección están a facer un labor excelente”. 

Nesta cadea empresarial, a empresa Selmark -situada en Vigo e dedicada á lencería- procedeu ao corte da tea; mentres que na terceira fase de confección participaron Confecciones Hortensia (de Rianxo) así como a deseñadora e patronista coruñesa (roupa infantil) Carmen Vázquez. 

Fonte: Faro de Vigo