Os mobles para maiores abren unha oportunidade ao sector madeireiro galego

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O mundo está a envellecer a pasos axigantados. Actualmente, un de cada cinco europeos ten máis de 65 anos, o que supón que hai 102 millóns de persoas que superan esa idade. E as cifras incrementaranse notablemente nos vindeiros anos. Iso significa que, cada vez máis, será preciso deseñar e ofertar un mobiliario acorde ás necesidades do colectivo sénior. É aí onde as empresas galegas do sector da madeira poden atopar unha nova liña de negocio. Porque, segundo asegurou o xerente do clúster da madeira, Ricardo González, na comunidade traballan algunhas das mellores firmas do contract a nivel mundial, que poderían ter nos maiores un novo nicho de mercado para os seus produtos.

O clúster da madeira e a Axencia da Industria Forestal de Galicia (Xera) levan un tempo traballando na procura de novas liñas de negocio para as empresas. Con ese fin, a primeira destas entidades asinou, hai só uns meses, un convenio de colaboración co clúster da saúde. A idea era permitir que as empresas destes dous sectores se coñecesen para estudar se de aí podía xurdir algún tipo de colaboración. Xa naceu unha primeira idea: estudar as posibilidades de que a industria da madeira galega deseñe e produza mobiliario pensado especialmente para maiores.

Xera xa encargou un estudo de mercado sobre o mobiliario para o colectivo sénior, cuxos resultados foron presentados no marco dunha xornada dedicada a debater se as empresas galegas poden diversificar a súa produción apostado polo mobiliario para a terceira idade. A primeira das conclusións dese documento é que cada vez haberá poboación máis envellecida no mundo e que esta prefire vivir, o maior tempo que poida, na súa propia casa, non nas tradicionais residencias. Pero, ao mesmo tempo, as residencias serán cada vez máis necesarias, pois na maioría de países de Europa hai unha gran deficiencia de prazas. «Para o 2030 estímase que haberá unha necesidade de medio millón de camas para os maiores», asegurou Eliana Benjumeda, responsable da empresa Infoline, que elaborou o estudo.

Outra das conclusións é que existen empresas no mundo especializadas neste tipo de mobiliario, pero tamén que hai unha oportunidade para que as empresas xeneralistas accedan a este mercado. O cliente demanda produtos ecolóxicos e sustentables, pero tamén que permitan personalizar os acabados e que conten cun servizo de mantemento. Búscanse, ademais, produtos que estean equipados coas últimas tecnoloxías que axuden a coidar deses maiores. Camas que lles axuden a levantarse, cadeiras que lles permitan manter a postura e mesas que se poidan regular en altura.

O documento conclúe que existe un gran potencial de negocio no deseño do mobiliario para persoas maiores, pois agárdase que este mercado medre durante os vindeiros anos até un 8 %. Alemaña, Italia, Francia e España son, ademais, os países con maior potencial de clientes.

Fonte: La Voz de Galicia