Móbiles e tablets que se cargan sós

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As pantallas planas de cristal líquido, presentes en multitude de dispositivos electrónicos, como os teléfonos móbiles, as tablets ou os lectores de libros electrónicos, pódense utilizar para recargalos, sinalan investigadores do Instituto de Tecnoloxía de Massachussets (MIT), liderados polo español Amador Menéndez.

O traballo baséase no parecido existente entre as células solares e as pantallas, xa que ambas as dúas deben absorber a luz incidente para funcionar. Nas pantallas a ausencia de reflexos é o que asegura que as imaxes son visibles en condicións de grande iluminación ambiente e que as cores escuras se poden ver ben mesmo a pleno sol, explican os investigadores na revista Energy and Enviromental Science da Royal Society británica na que se publica o traballo.

Esta enerxía pérdese en forma de calor normalmente, pero os investigadores formulan redirixir a luz cara aos bordos da pantalla onde a poidan captar células solares, tanto en condicións de iluminación exterior como en interiores. Ata agora esta formulación tiña o problema de que parte da luz non se convertía e podía danar a calidade da imaxe. A solución foi trasladar ao rango do infravermello (non visible para o ollo humano) a frecuencia da enerxía en forma de luz visible que se quere aproveitar.

"En dispositivos electrónicos como teléfonos móbiles, o Ipad ou outras tablets, as pantallas dominan a superficie frontal do dispositivo e consumen aproximadamente o 90% da súa enerxía. Na nova tecnoloxía que desenvolvemos, é precisamente esta pantalla, xunto cunhas pinturas depositadas sobre ela e invisibles ao ollo humano, a que permite a captura da radiación solar ou a luz de interiores", explica Menéndez, quen engade: "A sociedade pon moita atención na reciclaxe de materiais, pero xa vai sendo hora de reciclar tamén a luz".

A luz cáptana na pantalla concentradores solares luminiscentes polarizados linealmente que a transmiten no infravermello próximo ás células solares do bordo. Estes polarizadores baséanse en dopar con tinguiduras os cristais líquidos, neste caso con catro moléculas fluorescentes diferentes. As células poden xerar 10 microvatios por centímetro cadrado con luz interior e entre 1 e 10 milivatios por centímetro cadrado cando están expostas ao sol.

Este sistema, indican os investigadores, permite tamén a reciclaxe da luz traseira emitida polo propio dispositivo (retroiluminación) que non se aproveita en máis dun 90% e que pola contra se perdería en forma de calor en filtros e diferentes capas ópticas. Existen lectores de libros electrónicos, os que utilizan a tinta electrónica, que ao, non ter esta iluminación, é máis eficientes, e un dos obxectivos dos investigadores é combinar as prestacións de lectores e teléfonos intelixentes.

Con este aproveitamento da luz aumenta significativamente a eficiencia enerxética destes dispositivos de pantalla plana, o que prolonga a duración das súas baterías. En ambientes interiores a duración poderíase multiplicar por 10 ou 15 e baixo luz natural poderían ser completamente autónomos, abastecéndose exclusivamente da luz solar.

(Fonte: El País)