O MIT busca 35 novos xenios da tecnoloxía europea

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A revista de tecnoloxías emerxentes do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) lanza unha nova edición de Innovators Under 35 Europe, para recoñecer o talento dos mozos cos proxectos tecnolóxicos máis disruptivos.

¿Que teñen en común Daniel Ek (co fundador de Spotify), Sergey Brin (co fundador de Google), Timothée Boitouzet (creador de Woodoo, un novo tipo de madeira translúcida e ignífuga que a converte nun material tan resistente como o formigón e sustentable) ou Thibault Duchemin (creador de Ava, a primeira aplicación que converte a voz en texto en tempo real nunha conversación grupal e distingue cada interlocutor para axudar á integración das persoas con discapacidade auditiva)? Á parte de que se dedican á investigación en tecnoloxía, todos eles son gañadores do prestixioso galardón Innovators Under 35 Europe.

Entregado por MIT Technology Review, a revista de tecnoloxía máis antiga do mundo, propiedade do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), este recoñecemento busca atopar os 35 mellores innovadores menores de 35 anos de todos os países pertencentes á Unión Europea.

As candidaturas estarán abertas ata o 12 de marzo de 2018 e poden presentarse candidatos nacidos en calquera país da Unión Europea ou con máis de cinco anos de residencia nun deles. Poden participar aqueles mozos menores de 35 anos cuxos proxectos tecnolóxicos se enmarquen dentro dunha das seguintes áreas: biotecnoloxía e medicina, hardware, informática e electrónica, software, internet, intelixencia artificial, robótica, telecomunicacións, nanotecnoloxía e materiais, enerxía e transporte; e que á súa vez, teñan o potencial de xerar impacto positivo no mundo e transformar a sociedade.

Tras o peche de candidaturas, un xurado de expertos e os editores de MIT Technology Review seleccionarán os 35 gañadores. Estes serán galardoados na cerimonia de entrega de premios que terá lugar o próximo mes de setembro en París co apoio de BNP Paribas. Durante esta cerimonia, a comunidade de Innovators Under 35 -anteriores gañadores, xuíces, colaboradores, expertos do ámbito académico e dos negocios, emprendedores, entre outros- reunirase en Francia para dar a benvida á nova xeración de líderes e innovadores do futuro.

Ademais, no marco dos eventos organizados por MIT Technology Review en Europa este ano, os gañadores do premio desta edición terán a oportunidade de participar na conferencia EmTech France que terá lugar en Toulouse o próximo 2 e 3 de outubro. EmTech é a conferencia de tecnoloxía máis importante do mundo, organizada por esta publicación en Estados Unidos, Asia, Europa e Latinoamérica, que reúne os investigadores e emprendedores máis recoñecidos no ámbito das tecnoloxías emerxentes para presentar os seus últimos avances.

(Fonte: ABC)