O Ministerio de Industria lanza axudas a proxectos de I+D no sector TIC

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo destinará 200 millóns de euros á convocatoria de axudas 2015 para proxectos de I+D no sector de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de Contidos Dixitais.

As axudas, cofinanciadas polos fondos FEDER, destínanse a incentivar a posta en marcha de proxectos individuais de I+D nun subprograma de impulso tecnolóxico e noutro de grandes proxectos.

En concreto, o primeiro destes subprogramas, dotado con 35 millóns de euros en subvencións e 105 millóns de euros en empréstitos, diríxese a incentivar proxectos nacionais ou internacionais con presuposto mínimo de 200.000 euros e ata 2 millóns de euros baseados en tecnoloxías con baixo nivel de madureza e alto potencial de transformación do sector TIC.

Pola súa banda, o subprograma de Grandes Proxectos, dotado con 15 millóns de euros en subvencións e 45 millóns en empréstitos, diríxese a proxectos con gran valor tecnolóxico e alto potencial de tracción e impacto socioeconómico cunha subcontratación mínima do 25% e un presuposto superior a 2 millóns de euros e ata os dez millóns de euros.

Industria indicou que, como novidade fronte a convocatorias anteriores, se independizan as dúas modalidades de axuda de modo que o importe en subvención estará vinculado á avaliación da innovación tecnolóxica do proxecto e o empréstito será opcional e quedará limitado polo importe solicitado.

As axudas en forma de subvención serán do 50% do presuposto financiable se a nota obtida no criterio de innovación tecnolóxica é maior ou igual a 17 puntos; do 35% se é maior ou igual que 13 e menor que 17; e do 30% se é maior que 8 e menor que 13.

En canto ás axudas baixo a modalidade de empréstito, estas outorgaranse a un tipo de interese do 0,180% e cun prazo de amortización de cinco anos, incluídos dous de carencia.

Industria sinalou que o pagamento das axudas se efectuará sempre con carácter anticipado parcial e quedará condicionado á constitución das garantías cuxo importe dependerá da cualificación obtida polo beneficiario no criterio de solvencia financeira, sinalou o ministerio.

As empresas interesadas en participar nesta convocatoria teñen de prazo ata o 18 de xuño para presentar as súas solicitudes.

(Fonte: EP)