Microbiólogos do Chuvi descobren unha nova bacteria: o estreptococo ‘downii’

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

As persoas con síndrome de Down teñen menos carie que o resto da poboación. Por que? Poida que polas diferenzas na anatomía da súa boca, na cantidade de saliva que producen, na forma de mastigar... Sospéitase que estes factores inflúen na súa flora oral. Microbiólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) pertencentes ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), os doutores Lucía Martínez Lamas e Maximiliano Álvarez Fernández, decidiron buscar nela ao responsable deste efecto protector fronte á patoloxía oral máis común. Nesta indagación, atoparon unha nova especie bacteriana, nunca antes descrita. A comunidade internacional acaba de recoñecer este descubrimento. Bautizárona como downii.

En concreto, é unha nova especie de bacteria dentro do xénero Streptococcus, a familia Streptococcaceae e a orde Lactobacillales e o seu nome científico é Streptococcus downii. Puxéronllo en honra aos pacientes con síndrome de Down. O doutor Pedro Diz, que dirixe a Unidade de Odontoloxía de Coidados Especiais da Universidade de Santiago de Compostela e que tamén participou neste descubrimento, destaca como estas persoas que teñen unha alteración xenética están a facilitar “unha información moi valiosa para o conxunto da poboación”. “Vainos servir para identificar e investigar enfermidades moi prevalentes. É unha nova achega que este colectivo está a doar á sociedade”, subliña. Por iso é polo que quixeron homenaxealos co nome.

A simple vista, a través do microscopio, este estreptococo non se diferencia dos demais da boca. Os investigadores tiveron que recorrer a técnicas de secuenciación para obter o xenoma completo e comparalo coas especies xa coñecidas. Un labor complexo, que lles levou ao redor de dous anos, pero que culminou co recoñecemento deste importante descubrimento a través da publicación dun artigo coa súa descrición na revista internacional encargada de nomear aos novos microorganismos, International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology. Agora levan a cabo un estudo epidemiolóxico para comprobar se a súa presenza é maior nas persoas con síndrome de Down.

O máis relevante desta nova especie, e que lles foi máis sinxelo demostrar, é o efecto potencialmente antimicrobiano ante “unha enfermidade altamente prevalente contra a que só temos antibióticos ou métodos mecánicos”, explica a doutora Martínez Lamas. “A boca ten repercusión en toda a nosa saúde. É a principal fonte de entrada de microorganismos. Protexer esa parte do noso corpo é moi positivo”, subliña.

E como protexe a boca downii? Produce un composto que actúa como un antibiótico -bactericina- e inhibe o crecemento doutros patóxenos. A idea é dar con esta substancia -para o que traballan coa Universidade de Vigo- para producila artificialmente e comercializala como probiótico en colutorios ou pastas de dentes. Xa teñen a patente europea e están en negociacións coa industria para comercializala.

O proxecto púidose desenvolver grazas ao cofinanciamento da Axencia Galega de Innovación, a través do Programa Ignicia, e ao apoio da Fundación para la Innovación y la Prospectiva en Salud en España.

Fonte: Faro de Vigo