Os mellores empregos dixitais en Galicia: ata 76.000 euros ao ano

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O comercio electrónico supón menos do 1% do total de empregos en España. Con todo, as empresas do sector aumentan o seu persoal de forma sostida, a razón dun 20% cada ano. Para os expertos, a tendencia é clara: é un dos nichos de negocio que máis talento demandará nun futuro próximo. Ademais, os soldos medios dos seus profesionais son considerablemente altos e superan, con moito, a media nacional.

Se atendemos aos últimos datos publicados pola consultora Spring Professional, un posto de alta responsabilidade, como o de director dixital, está remunerado en Galicia con case 76.000 euros anuais de media. Mesmo se alguén accede a este emprego sen demasiada experiencia, o soldo medio máis baixo é de 51.000 euros ano, cifra á que hai que sumar a remuneración variable.

O ranking de postos máis demandados e mellor pagados do negocio dixital cópano os postos de alto mando. Un xefe de vendas online con anos de experiencia no sector cobraría 68.000 euros ao ano nunha grande empresa. Segundo o informe, quen apenas leva tres anos nun posto como este, tería garantido un soldo mínimo de 34.000 euros, aínda que cos complementos podería embolsarse até 7000 máis. As empresas interesadas neste tipo de profesional buscan perfís que cursasen a carreira de Publicidade ou de Administración de Empresas. O terceiro posto ocúpano os directores de mercadotecnia, que alcanzarían un soldo de 57.000 euros nunha empresa galega de considerable tamaño. Trátase dun rol de responsabilidade: xestionan orzamentos e equipos.

Outro dos perfís máis habituais no mundo dixital é o encargado de xestionar a relación cos provedores que fornecen os produtos para un portal de venda por Internet. A retribución destes profesionais varía segundo a súa experiencia, a empresa e a cidade na que desenvolvan a súa actividade. A media nacional atópase nos 34.000 euros, aínda que en Galicia alguén con bagaxe no sector podería cobrar máis de 52.000. Por outro lado, un director de demanda, é dicir, o responsable de deseñar estratexias dixitais, garantiríase unha retribución de até 52.000 euros se traballase nunha multinacional galega. O soldo máis baixo son 38.000.

Postos descoñecidos

Se un bota unha ollada por un portal de ofertas laborais, é probable que se atope con algún posto que non vise nunca antes. De feito, moitos destes empregos non existían fai moi pouco. Até tal punto que a OCDE estima que o 65% dos nenos que actualmente asisten á escola infantil acabarán realizando un traballo que aínda non existe.

O chamado en inglés Growth Manager, que podería traducirse como xefe de crecemento, é o responsable de conseguir seducir aos usuarios para que realicen compras nunha plataforma web e que non abandonen o proceso cando xa teñen a cesta chea. Este perfil rozaría os 57.000 euros de media en Galicia. O Content Manager, ou responsable de contidos, é o encargado de xestionar pezas de comunicación dunha marca. Para este posto, as compañías demandan graduados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Ademais, esixen experiencia na xestión de equipos e no uso de ferramentas de edición. A súa retribución é de 30.000 euros nunha empresa modesta e pode alcanzar os 45.000 nunha de gran tamaño. No ranking dos mellor pagados do sector, tamén hai perfís máis especializados como responsables de Big Data ou de estratexia web. Postos nos que os seus salarios máximos anuais van desde os 38.000 euros se operan nunha startup.

Fonte: La Voz de Galicia