Matemáticas para predicir como impacta o cambio climático nos nosos bosques

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

As matemáticas ao servizo dos ecosistemas forestais. Fórmulas que nos permiten simular distintos procesos fisiolóxicos, por exemplo, a fotosíntese, na que intervén a temperatura, a humidade do chan, a concentración de dióxido de carbono, a condición nutricional da propia planta, etc. Trátase de entender e predicir que vai acontecer nun determinado bosque, un labor de anticipación que pode estar máis preto grazas ao proxecto Modico. 

Foi unha das trece iniciativas seleccionadas para as axudas que concede o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Fundación Biodiversidade. Desenvolvido pola Unidade de Modelización e Ecotoxicoloxía da Contaminación Atmosférica do CIEMAT, o proxecto Ferramentas de Modelización Dinámica para a Conservación forestal nun contexto de cambio global (Modico) formula o desenvolvemento de ferramentas predictivas que poidan contribuír ao desenvolvemento de políticas de protección ambiental e á planificación da xestión forestal en España. 

Para iso é necesario cuantificar o impacto que supoñen presións como a contaminación atmosférica ou o cambio climático nos bosques. O proxecto Modico centrarase en ecosistemas forestais da rede Natura 2000 en España. "Levamos bastante tempo traballando nun aciñeiral da Comunidade de Madrid e imos facer a primeira proba coa monitorización do seu seguimento ecolóxico", afirma Héctor García Gómez, investigador do Ciemat. "É o noso xeito de validar o que parametrizamos". 

Varias fases 

Adaptarase un dos modelos dinámicos de bioxeoquímica forestal máis completos (ForSAFE) para o seu uso en bosques mediterráneos, comezando, como xa se sinalou, polos aciñeirais. Por iso a primeira fase centrarase en comprobar que este prototipo, válido xa noutros ámbitos, funciona nos nosos ecosistemas forestais. 

"Utilizaremos os datos do bosque que estudamos na Comunidade de Madrid para a validación do modelo ForSAFE -di García Gómez en declaracións a Innovaspain-. Trátase da Área Forestal de Tres Cantos, xestionada polo Concello de Madrid". 

A partir de aí, as seguintes fases do proxecto Modico focalizaranse en lograr unha ferramenta que permita tanto cuantificar do impacto que orixinan as presións existentes (contaminación atmosférica e cambio climático, entre outras), como valorar as perspectivas futuras de conservación. 

Ramificacións do proxecto 

Para a consecución do proxecto levaranse a cabo traballos de monitorización forestal e de modelización en Ciemat, así como traballos de programación na Universidade de Estocolmo. Tamén se recompilarán datos forestais nacionais de redes de seguimento a longo prazo, mantidas e xestionadas pola Subdirección Xeral de Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación -que mostrou o seu apoio ao proxecto-. 

Segundo sinalan dende o Ciemat, os resultados desta iniciativa son de interese, non só para a xestión sostible dos bosques protexidos en España, senón tamén para os grupos de traballo da Convención do Aire (CLRTAP-UNECE) nos que participa GECA-CIEMAT, polo que a súa difusión e potencial impacto son internacionais. 

Fonte: Innovaspain