Mapas e drons: innovación nos campus contra a Covid-19

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O coronavirus parece chegar para quedar. Descartada a inmunidade de grupo e mentres a carreira contra a vacina non alcance a súa meta haberá que buscar métodos que axuden á sociedade a convivir coa enfermidade e tratar de evitar rebrotes masivos. Os campus galegos comenzaron xa a buscar solucións innovadoras para a etapa que se bautizou como nova normalidade.

Dous proxectos da Universidade de Santiago de Compostela e da de Vigo contarán con financiamento da Xunta para desenvolvelos. Na Facultade de Xeografía de Santiago trabállase na elaboración de mapas que axuden a localizar con precisión as zonas que poidan ser susceptibles de acoller novos focos. Na Escola de Enxeñaría Aeronáutica estudan a viabilidade de que os drons se sumen ás tarefas de desinfección de zonas públicas.

“A obsesión dos xeógrafos é levalo todo ao mapa”, explica Ángel Miramontes, profesor da facultade compostelá e membro do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). Por ese motivo cando comezou a pandemia empezaron a buscar fórmulas para visualizar o impacto do coronavirus dun xeito preciso no territorio. O proxecto recibirá uns 71.000 euros da Axencia Galega de Innovación (Gain) tras resultar un dos oito seleccionados pola Xunta para buscar solucións tecnolóxicas para a detección, tratamento ou prevención fronte á Covid-19.

Tras lograr o acceso aos datos do Sergas, nun primeiro momento os xeógrafos da USC envorcarán toda a información sobre os contaxios nun sistema GIS. Deste xeito poderán cartografar as zonas nas que se produciron os focos ata este momento. No mesmo mapa introduciranse outras variables como as estatísticas da idade da poboación residente nese punto, as liñas de autobús, os centros de saúde ou as farmacias. “A idea é ofrecer á autoridade competente explicacións sobre por que un foco de contaxios se localiza nunha zona concreta”, indica Miramontes. Pon como exemplo a reapertura de terrazas. “Poderíanse detectar repuntes nas zonas máis concorridas”, indica.

Unha vez analizado o comportamento do virus ata o momento actual, os xeógrafos do Idega esperan ser capaces de anticiparse mediante o uso de algoritmos. “Esperamos que os focos teñan unha serie de características comúns que permitan discernir outras zonas con potencialidade para que se disparen os contagios”, indica o profesor de Xeografía. “Buscamos que sexa unha ferramenta útil que vaia un pouco máis alá que o rexistro dos datos. Está moi ben saber que nunha determinada provincia houbo un determinado número de contaxiados, pero o importante é saber exactamente onde e indagar un pouco no por que”, subliña.

Universidade de Vigo

A proposta seleccionada pola Axencia Galega de Innovación na Universidade de Vigo tamén pensa no medio prazo. “Cando isto se empece a abrir teremos que convivir co virus un ano ou dous”, indica Higinio González, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica do campus de Ourense. O seu equipo recibirá uns 55.000 euros para determinar como usar drons para a desinfección de espazos públicos. Para iso testarán as aeronaves xa existentes que poidan cargar entre 10 e 15 litros nos seus depósitos.

“Estamos a estudar a viabilidade dos drons agrícolas que normalmente levan produtos fitosanitarios e se usan para a fumigación de viñedos de difícil acceso. Aquí en Galicia non se usan aínda de forma exhaustiva pero noutros lugares si?” indica González. O profesor de aeronáutica cre que serían útiles por exemplo para tratar de eliminar o virus das bancadas dos espectáculos deportivos, patios de colexios, parques infantís ou mobiliario urbano. Unhas tarefas que ata o de agora se realizaron a man, fundamentalmente polos membros da Unidad Militar de Emergencias (UME) ou con vehículos de limpeza urbana dos servizos municipais.

A desinfección por drons xa se usou en países como China ou Francia e a UME realizou tamén algún ensaio en España. “Queremos validar que tecnoloxía é a máis eficaz e logo as empresas que operan con drons poderían ofrecer o servizo”, explica Higinio González, quen precisa que as compañías que xa dispoñan de aeronaves que permitan os 15 litros de carga, poderían readaptarlas. O seu proxecto, como o presentado pola USC, terá de prazo ata final de ano para poder desenvolverse.

Fonte: ABC