Manuel Varela Rey, novo director da Axencia Galega de Innovación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O novo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Antonio Varela Rey, asumiu o cargo deste ente autonómico co reto de converter o sector da innovación na "panca" da recuperación económica de Galicia.

Nas súas palabras de agradecemento durante a toma de posesión e en declaracións posteriores aos medios, Varela Rey -que procede da Consellería de Sanidade-, manifestou que ten o obxectivo de impulsar a innovación "non só no ámbito público", senón no privado, e recordou que o fai co importante obxectivo de desenvolver o plan I2C, deseñado no período anterior e que "marca o camiño a seguir".

Neste marco encadrou a futura convocatoria da segunda parte do programa Interconecta, que estará dotada con 75 millóns de euros. A iso hai que sumar a estratexia estatal de innovación, que "traerá a Galicia 35 millóns en tres anos", o que "permitirá importantes actuacións".

Na súa intervención agradeceu a confianza depositada nel para asumir estas novas responsabilidades e á súa anterior conselleira, a de Sanidade, Rocío Mosquera, quen acudiu a este acto e quen tamén pronunciou unhas palabras de recoñecemento para o acabado de nomear director da Axencia Galega de Innovación.

"Prometo traballo e facer que a innovación sexa unha das pancas para mellorar a situación económica", sentenciou Manuel Antonio Varela Rey antes de que Rocío Mosquera, precisamente, destacase que "foi un acerto traer a alguén de fóra da administración" para facerse cargo do ámbito da innovación como demostra, segundo remarcou, o traballo realizado polo agora director desta axencia. "Os resultados están aí, a innovación está no código xenético do Sergas", proclamou a titular de Sanidade.

Agradecementos a Ricardo Capilla

Pola súa parte, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, agradeceu ao exdirector xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, o seu labor no anterior goberno, que tivo entre as súas accións máis destacadas a redacción do plan I2C, ao que agora dará continuidade a Axencia Galega de Innovación.

Conde tivo palabras de "benvida" para Manuel Varela, a quen sinalou que ten "retos moi concretos", como os citados polo director da Axencia da convocatoria de Interconecta e os fondos procedentes do Estado. Todo iso, co reto de "converter a Galicia en referente a nivel nacional e internacional" no ámbito da innovación.

O conselleiro de Economía e Industria tamén destacou o labor no ámbito da innovación que realizou a Consellería de Sanidade, que foi "capaz de conseguir realidades e éxitos concretos", como o programa Innova Saúde ou o Hospital 2050. Así, invitou a seguir desenvolvendo estes e outros proxectos de forma transversal entre os departamentos da Xunta.

Director xeral no Sergas

Nacido na Coruña, Varela Rey foi enxeñeiro de proxecto en Norcontrol (Apluss+), compañía na que posteriormente exerceu como director de proxecto e product manager.

Ademais, tamén foi director xerente de Cupa Innovación e director xerente de Enxeñería Narcasa S.A., mentres que na lexislatura pasada exerceu como director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

(Fonte: Europa Press)