Máis de cen empresas de Galicia e Norte de Portugal usan xa as ferramentas TIC do proxecto europeo ER-INNOVA

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Máis dun centenar de pemes do sector das enerxías renovables de Galicia e o Norte de Portugal están a usar xa as ferramentas desenvolvidas no marco do proxecto europeo ER-INNOVA para mellorar a súa capacidade competitiva. Os seus representantes, así como responsables doutras empresas, asociacións sectoriais e plataformas tecnolóxicas, asistiron o pasado xoves á presentación de resultados desta iniciativa transfronteiriza cofinanciada pola Unión Europea (UE) a través dos FEDER e coordinada por tres socios galegos e un portugués.
 
Durante o evento, que tivo lugar en Ourense na sede do xefe de fila do proxecto (Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole), a directora de Tecnópole, Luisa Pena, animou "a todas as pemes do sector das enerxías renovables da Eurorrexión a sumarse ás cen que xa están a utilizar as ferramentas creadas no marco de ER-INNOVA, todas elas cun elevado índice de satisfacción nesta primeira fase de implantación".
 
O responsable de Innovación e Enerxías Renovables da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Mathieu Fichter, asegurou durante a súa intervención que o desenvolvemento das enerxías renovables na UE depende principalmente dos esforzos rexionais. "Por iso e polo seu carácter cooperativo e transfronteirizo valoro moi positivamente o proxecto ER-INNOVA", expuxo.
 
Fichter explicou que a semana pasada se fixeron públicas as liñas que dirixirán as políticas europeas en materia de enerxías, sendo prioritarias as que axuden ás rexións a explotar o seu potencial edóxeno de crecemento. "As axudas vincularanse á calidade e os resultados dos proxectos, remataron os fondos xeneralizados", adiantou. Neste sentido, engadiu que despois de 2013 os fondos estruturais se centrarán na innovación e a economía verde.
 
Segundo Fichter, os obxectivos da política enerxética da UE son a competitividade, a seguridade na subministración e a sustentabilidade, "obxectivos cos que concorda á perfección o proxecto ER-INNOVA". De cara ao futuro, o experto da UE vaticinou que, aínda que a solar e a eólica van aumentar un pouco, "o grande anaco do pastel seguirá sendo como o é agora para a biomasa". Respecto á innovación rexional, Fichter asegurou que a CE está primando a "estratexia da especialización intelixente".
 
Innovación para o crecemento
 
Pola súa parte, o director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, insistiu na necesidade de potenciar a investigación cara á innovación coa vista posta no crecemento. "É imprescindible rendibilizar o investimento público en investigación logrando a valorización dos seus resultados para obter os retornos necesarios en termos de crecemento económico", asegurou.
 
Segundo Capilla, "estamos a loitar para que a empresa galega entenda que ten que innovar por convicción e non por subvención". Neste sentido, instou as pemes asistentes ao evento a adoptar estratexias de innovación aberta, superando así a escasa tradición da empresa galega a colaborar, e "a pelexar polos fondos estatais e europeos para I+D+i, unha loita que a Xunta vai apoiar economicamente con axudas para captalos", explicou.
 
Ferramentas listas para usar
 
O proxecto ER-INNOVA materializouse xa nun programa piloto de implantación de ferramentas de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) en aproximadamente un centenar de pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
 
A implantación destas ferramentas -un ERP (sistema de xestión de recursos empresariais) específico e un portal web dotado de mercado virtual e servizo de facturación electrónica- nas pemes participantes durante a fase piloto e a súa posterior extensión a outras do sector ten como obxectivo mellorar a capacitación da rede empresarial da Eurorrexión para gañar en competitividade e albergar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras de carácter cooperativo.
 
Os asistentes á presentación de resultados recibiron un pendrive co ERP (sistema de xestión de recursos empresariais) listo para a súa instalación e toda a documentación de soporte necesaria.
 
O proxecto levouse a cabo grazas ao cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, ao amparo do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, concretamente no eixe de actuación correspondente ao fomento da competitividade e a promoción do emprego. O seu financiamento total ascendeu a 931.693,68 €, dos que o 75% procedeu dos FEDER.
 
O partenariado está formado por tres socios galegos e un portugués: Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
 
Informe de resultados do proxecto dispoñible aquí.
 
(Fonte: ER-INNOVA)