Madera Plus mostra os avances en diversas metodoloxías para determinar a madeira que hai no monte

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Madera Plus, con sede en Tecnópole e asociada ao Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, organizou recentemente no Parque Tecnolóxico de Galicia unha xornada de transferencia na que diferentes entidades de I+D+i e empresas tecnolóxicas mostraron os seus avances en diversas metodoloxías para determinar a madeira que hai no monte, realizar a predición das propiedades tecnolóxicas e optimizar a cadea de subministración e o seu aproveitamento industrial.

O punto forte da xornada foi a mesa redonda que versou sobre o impacto da innovación nas empresas de transformación de madeira, na que a industria de serrado formulou a súa aposta por produtos de madeira maciza de alto valor engadido, para promover o uso da madeira local en beneficio do monte e interesouse por unha caracterización previa. ENCE resaltou a importancia da especie, a selvicultura e da situación na calidade da pasta e falou do uso das tecnoloxías presentadas. Os propietarios reclaman coñecer as necesidades tractoras da industria para propoñer unha selvicultura viable e non descartan a validación das propiedades da madeira producida.

Ao termo do encontro púxose de manifesto que nos atopamos ante un cambio de paradigma onde as tecnoloxías están a avanzar e estas van permitir novos modelos de negocio con novos produtos a extraer de masas hoxe abandonadas, polo que unha solución sería conectar o valor engadido da industria co propietario como solución ao abandono rural, ligado este á falta de rendemento económico dunha masa forestal. Nesta liña sinalouse que se non existe riqueza no rural, non vai haber sector forestal.

Finalmente, todos os participantes coincidiron na necesidade de fomentar o uso da madeira galega e, para iso, é fundamental coñecer que madeira hai no monte para evitar ter que importala de fóra.

Novas ferramentas tecnolóxicas

Durante o transcurso da xornada mostráronse tamén ferramentas tecnolóxicas desenvolvidas no marco dos proxectos europeos "TopWood" e "MySustanibleForest" para identificar a calidade do recurso, optimizar a xestión e clasificar a materia prima. O uso destas ferramentas permite dirixir a produción cara a produtos de maior valor engadido e optimizar o rendemento económico da cadea.

O sector forestal e da madeira de Galicia forma parte dun mercado globalizado altamente competitivo onde o uso do recurso se optimiza segundo os requisitos de calidade esixidos polo cliente. O aproveitamento e procesado da madeira local é máis eficiente se se coñece previamente o estado tecnolóxico da masa forestal.

(Fonte: Madera Sostenible)