A madeira é un material do todo natural e infinitamente reciclable

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Unha noite de verán alguén descubriu un anaco de taboleiro dalgunha madeira nobre tirado xunto a un colector de obra. Recolleuno, limpouno e agora, esa táboa desgarrada nos extremos, sostén unha lámpada que crea ambiente nunha coctelería da Coruña. Ese é só un exemplo de como a madeira, como os gatos, ten moitas vidas. Tantas, que o converte nun material natural infinitamente reciclable porque mesmo ao final dos seus días pode acabar convertido en compost para dar alimento a unha nova árbore.

«Da madeira aprovéitase todo», di José María Suárez Tuñas, de Hijos de Vicente Suárez, unha empresa de Serra de Outes que apostou forte pola reciclaxe da madeira das bateas como unha liña de negocio que, ademais, promove a bioeconomía circular.

A reciclaxe e uso da madeira para construción, rehabilitación e decoración foi anos e anos unha fórmula común en Galicia que agora quere impulsar de novo a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga). E razóns teñen moitas para facelo: «Queriamos recoller a tendencia que estamos a ver entre arquitectos, interioristas e decoradores que aprecian a durabilidade da madeira recuperada e o seu alto valor estético, desde a perspectiva dos empresarios da industria forestal», apunta Ana Oróns, secretaria xeral de Fearmaga, entidade que impulsa este uso coa colaboración da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA).

Pero ademais, como apunta José María Suárez, «a diferenza do plástico ou o poliéster, a madeira ten unha capacidade ilimitada de reciclaxe, mesmo cando chega ao seu fin de uso pode reutilizarse para xerar enerxía». Iso é algo que tivo claro sempre este empresario. «Parecía unha tolemia, pero resulta que non o era». A súa compañía recicla actualmente as bateas onde cría o mexillón das rías galegas para facer cerchas, vigas para rehabilitación, chans de madeira, portas de gran tamaño ou mobiliario exterior ou interior. Os seus produtos non só quedan ao oeste de Pedrafita, tamén chegan a comunidades como País Vasco, Baleares ou países como Francia.

A clave para a durabilidade

Pero para obter unha madeira de calidade capaz de soportar esa infinita capacidade de reciclaxe é fundamental facer unha plantación ordenada no monte onde, ademais, deben elixirse dun modo adecuado as árbores que serán cortadas. «Nós tombamos árbores de 6 ou 7 metros», apunta este empresario de Outes, que tampouco descoida o secado. Non o fai porque é, non cabe ningunha dúbida, unha parte importante para obter un produto coa forza necesaria para poder empregar logo en construción.

Fonte: La Voz de Galicia