Madeira dos montes para facer roupa: Galicia aspira a producir o 3% mundial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A industria da moda empeza a buscar novos materiais que substitúan ao algodón e ao poliéster que se fabrica con derivados do petróleo. Países como Austria, Finlandia e Suecia apostan desde hai algún tempo por converter a madeira dos seus montes en fibras téxtiles coas que crear tecidos para todo tipo de pezas. Galicia aspira a converterse nun dos líderes mundiais na produción deste tipo de viscosas grazas aos fondos «Next Generation» que chegarán de Europa para tentar revitalizar a maltreita economía que deixou a pandemia do coronavirus.

A idea xurdiu do grupo de expertos económicos que asesora á Xunta para guiar a saída da crise económica que trouxo a Covid-19. No comité están representados integrantes de compañías como Inditex, que conta entre as súas liñas estratéxicas o incremento do uso das fibras naturais e renovables nas súas pezas.

A intención é crear unha fábrica que teña capacidade para producir 200.000 toneladas anuais de viscosa a partir da madeira dos montes galegos, o que suporía un 3% da produción mundial deste material na actualidade. «Galicia estaría ao nivel dos principais produtores de viscosa, que teñen unha capacidade media anual de 160.000-190.000 toneladas», explican fontes da Consellería de Economía. O proxecto está nunha fase incipiente e descoñécese aínda o emprazamento da factoría ou que investidores ou empresas a xestionarían. Economía calcula que sería necesario un capital de 850 millóns de euros (entre os fondos que cheguen de Europa e a achega privada). O proxecto, segundo a Xunta, xeraría 2.400 postos de traballo directos que incluirían a construción da factoría, a súa posta en marcha e a xestión.

A fábrica de viscosa a partir da madeira aúna a dous dos sectores produtivos estratéxicos na economía galega, a produción forestal e a industria da moda. Sen coñecer os detalles, ao profesor da UVigo e director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, a idea sóalle ben. «Diversificar a estrutura industrial e aproveitar a madeira de Galicia é unha boa noticia», sinala. Cun volume anual de 7-8 millóns, Galicia achega a maior cantidade de madeira cortada en España.

Fonte: ABC